BERGOGLIO VISITA MÉXICO

Este Papa faise tan familiar no trato que incita a dirixirse a el polo seu nome de pía. Saber que vai visitar México estes días e que se vai deter na tumba de Samuel Ruíz, bispo de San Cristóbal de las Casas, é algo que esperta en min sentimentos e vivencias xa pasadas. Alá polos anos mil novecentos oitenta e nove fixen unha viaxe a San Cristóbal para encontrarme con miña irmá, misioneira dominica nesas terras. E tiven ocasión de coñecer e tratar ao bispo Ruiz. Recordo que os seus diocesanos, os máis humildes, non o trataban como bispo, senón que se dirixían a el con unha expresión que contiña un nome da súa cultura que o seu significado viña a semellar algo así como “papá”. Poucos anos despois, don Samuel tivera que viaxar á Europa. E foi ela quen me suxeriu a posibilidade de conseguir de algún organismo unha axuda económica para a obra social que o bispo estaba a levar adiante na súa diocese. O Concello de Narón, que consignaba daquela no seu presuposto anual algunha partida para obras de este carácter, tivo a ben atender esta solicitude. Don Samuel estaba sendo vixiado polos poderes mexicanos como rebelde. É sabido como as gastaban daquela os poderes económicos e políticos cos que non araban polo rego dos seus ditados e intereses. Tanto era así que nin a mesma Curia Vaticana vía con bos ollos a implicación social na defensa da cultura e da liberación que o bispo Samuel estaba promovendo. E por este motivo calquera xesto seu que fose recollido pola prensa naquel momento, e máis procedendo de Europa, significaba un apoio de moito valor  para a súa persoa. E conseguimos que don Samuel fora recibido por Manuel Fraga, presidente da Xuntan. Don Samuel asistiu á entrevista acompañado por min. Fraga, sempre atento con el, interesouse pola súa labor e tivo información cumprida ás preguntas que lle fixo. Rematada a entrevista dirixímonos á parroquia do Val, onde o esperaba un avultado grupo de persoas, rapazas e rapaces, que lle ofreceron bailes e cancións da Nosa Terra, para rematar con un xantar no que non faltou o caldo galego. Logo foi para a miña casa que quedaba preto de alí, a descansar. Ao dia seguinte esperábao o alcalde de Narón para facerlle entrega de un talón polo importe da subvención aprobada. Seguramente o Papa, nesta viaxe, vaise encontrar con unha pancarta na que figuran un grupo de indios ao lado de don Samuel e unha lenda: “Defensor dos pobos indíxenas”

BERGOGLIO VISITA MÉXICO

Te puede interesar