COLAPSO CAPITAL

Colapso é unha palabra que nos chegou do latín como tantas. Tiña o significado de caída. Mais para que haxa unha caída precísase, alomenos, da gravidade terrestre, dunha masa e dun altorelo dende onde se precipitar. O colapso é tamén un estado patolóxico caracterizado por un malestar súpeto, intenso, con perda ou non de coñecemento. Ás veces coido que pode causar ou ser causa dun fallo multiorgánico (cáseque nunca multiorgásmico).
En pleno borbollón teimudo de futbol e coroación sei que estaredes a cismar a que veño eu co colapso. Pois porque onte, tras moitos anos sen presenciar unha conferencia que mereza tal cualificativo, estiven no Ateneo Ferrolán escoitando a Carlos Taibo, profesor de ciencias políticas ao que nunca veremos en tertulias televisivas nin en certos xornais,(por qué será), e disfrutei da mesma ledicia intelectual que lembraba nos anos oitenta composteláns, tan ricaces en debouras serias.
Había tanto que non escoitaba unha deboura sobre conceptos políticos, e non sobre slogans de marketing político, que case que sofrín un neuronal colapso multiorgásmico. Taibo subliñou, ben lucidío, que esa palabra era un tabú para os partidos políticos, sindicatos pactistas e demais órganos do poder.
Lembrounos algunhas experiencias da República, como aquela comunidade libertaria de Aragón que falaba de expropiar o Capital. Non deixou de criticar, afouto, a falla de contido conceptual crítico de tantos que ondean bandeiras republicanas. Falounos do esquecemento sindical a respeito dos termos alienación e explotación.
Coma se foran algo superado. Falounos de que a sociedade capitalista está dando as derradeiras boqueadas, a piques de colapsar. A necesidade de que o povo estea preparado. A urxente necesidade de decrecer, desurbanizar, despatriarcalizar, desteconoloxizar e desmercadorizar. Falounos do 15M, da autoxestión, da defensa do público mais sen caer na sacralización. Amosounos o exemplo da escola pública, reproductora, por forza, do sistema capitalista e os seus valores de consumo, competitividade, éxito, velocidade...salientando, sabiamente, que o público per se, non vale de nada.
Hai que avantar na mellora do ensino público cara unha democracia directa, un modelo autoxestionado e asambleario. Coido que foi moi optimista cando xulgou que trinta mil persoas era un bo número para asambleas democráticas.
Eu son máis defensora da centena, unha citania, unha comunidade celta, unha aldea en aira comunal para estabrecer a auténtica democracia.
Gostei moitísimo da súa opinión sobre o artellamento das comunidades rurais, crebado polo capitalismo. Da necesidade de reartellar. Da diferencia entre o público estatal e o público comunal. E, sobor de todo, o seu concepto da propaganda polo feito. Porque, e isto dígoo eu, o falar non ten cancelas. A necesidade da coherencia dos nosos actos cotiás é imprescindibel.
Ten que haber unha coherencia entre o dito e o feito. Urxente nestes tempos das redes sociais e dos Gústame do Libro Faciana ou Facebook que non obrigan a máis ca premer un rato inalámbrico a estomballarnos na revolución puramente virtual. Fixo unha aposta controvertida no que ten a destecnoloxizar, de sentar a criticar as novas teconoloxías. Cuestionou incluso esa idea tan espallada de que o medio non leva consigo un determinado uso do mesmo. Concordo con el tamén nisto. Os medio tecnolóxicos non son neutros, pulan determinado tipo de ser humano.
Rematou a magnifíca conferencia confesando que el non era realista, que el non aceptaba o consenso de que hai que ser realistas. E citou a frase dun francés, de cuio nome si quero acordarme mais non me lembro, que dicía que o realismo é a boa conciencia dos fillos de puta. Toda unha louvanza da Utopía, unha das palabras prohibidas polos pactistas.
A utopía, o non topos, o non lugar, o ningures do Tomás Moro, a terra inexistente daquel goberno ideal onde o 70% das mulleres do mundo non teñan que viver, coma hoxe, na pobreza. Mentres a modernidade posconciliar consiste en nos pór un cofiño  ou buceira(cesto que se lle puña ás vacas ou bois para que non comeran cando traballaban). Preguntemonos cómo, para quén e para qué traballamos. Esta é a pregunta fundamental que todo ser humano libre, non alienado, se debe facer. Os alienados seguirán a falar de futbol, touros e reis.

COLAPSO CAPITAL

Te puede interesar