As crónicas de Siro López fanme evocar, agora que xa estou xubilado a perpetuidade, os meus tempos naquela Empresa Nacional Bazán de Construcciones Navales Militares dos anos 60 do século pasado. No ano 1969, procedente da Armada, deixei meu destino de xefe de Máquinas da fragata “Vulcano” para traballar na antiga Bazán, en situación de destinos de carácter militar, co gallo da construción das cinco fragatas DEG-7. Despois dun tempo de adaptación na Oficina de Preparación e Métodos (OPM) e dun curso nos EEUU, pasei xunto con outros dous compañeiros da Armada á sección de Armamento coa obriga de participar, a pe de obra, na construción e nas probas para logo exercer de garantía das novas fragatas. Foron aqueles uns tempos de intenso traballo e aprendizaxe nos que tiven a sorte de coñecer a uns magníficos profesionais en tódolos eidos do estaleiro, moitos xa desaparecidos, pero todos eles no meu recordo. Dirixía a factoría Gabriel Martorel Gonzalez-Madroño, tamén procedente da Armada, un home de gran valía e personalidade. Entre todos, cun gran entusiasmo conseguimos sacar ao mar a fragata “Baleares”, a primeira da serie. Recordo que pouco despois de pasar entre castelos e deixar por babor a Moa do Segaño e a Marola*, puxemos o barco a toda forza proa a mar aberto. Foi aquel un venturoso día a partir do que se acelerou a construción en tódolos frontes culminando coa entrega do barco poucos meses máis tarde. Son tantos os homes que se amontoan na miña memoria que é imposible nomealos todos. Compráceme non obstante destacar aquí a F.Y.P., así soamente, coas iniciais, porque el non me permitiría poñer o seu nome completo. Moitos saberán de quen estou a falar e convirán comigo en que ademais dun gran profesional cunhas excepcionais dotes de mando, é un dos homes máis bos que coñezo. Dende estas liñas mándolle unha forte aperta. Como anécdota moi significativa, un enxeñeiro da ICO chamáballe sempre “Beckenbauer”. Sen dúbida hai hoxe excelentes herdeiros capaces de construír os barcos máis modernos do mundo como o “Juan Carlos I” e as fragatas F-100. Vaise perder toda a experiencia de tantos anos por culpa duns políticos indocumentados e incapaces de resolver os graves problemas que atinxen a Ferrol, a Navantia e á Armada Española?
*O que pasou A Marola, pasou a mar toda.