Cordura

Hai só un par de días na localidade de Parkland, no condado de Broward, en Florida, un mozo de 19 anos matou a tiro limpo a 17 persoas no centro de secundaria do que fora alumno. A raíz desta terrible expresión de barbarie soubemos -eu polo menos- que supuña o décimo octavo incidente con armas en centros escolares estadounidenses no que vai de ano 2018; que se trata do terceiro tiroteo en escolas con maior número de vítimas ou que desde 2013 houbo 290 tiroteos en centros escolares. Sabemos que na lexislación penal norteamericana se contemplan duras penas, a de morte incluída. E, visto o visto, haberá quen crea que esa dureza amaña algo? En novembro de 1983 tocoume vivir o terrible episodio do asasinato de meu pai. Un mal día, nun apartamento de Las Palmas, un señor, sen que nunca se aclarase moi ben por que, asestoulle ducia e media de coiteladas, pegoulle varios golpes na cabeza e acabou por lle oprimir a cara cunha almofada para lle impedir respirar se aínda non morrera. Acto seguido apañou unhas latas de conservas que comeu no lugar do crime como se nada tivese acontecido. E marchou. Tardaron tempo en collelo. Foi xulgado e condenado á máxima pena, 30 anos, e a aboarnos unha cantidade aos herdeiros. Meu pai era o que obxectivamente se podería cualificar de excelente persoa. Un home bo no amplo sentido do termo, por iso nunca conseguín entender o motivo da súa violenta morte. Tal vez fose esa mesma bondade. Dez ou doce anos despois meu irmán e mais eu fomos citados por un xulgado coruñés. Informóusenos que o asasino do noso pai solicitara a liberdade provisional e pedíasenos a nosa opinión ao respecto, ademais de preguntarnos se percibiramos a indemnización. Ao segundo contestamos que non cobraramos nada e ao primeiro que entendiamos que era a xustiza quen tiña que conceder ou denegar o solicitado polo recluso e non nós. Non volvemos saber do asunto nin do asasino. A pesar disto debo dicir que non estou en absoluto de acordo nin coa condena de prisión permanente revisable –ese eufemismo– introducida no seu día polo PP; nin con que o Consello de Ministros acabe de aprobar un anteproxecto de lei de reforma da prisión permanente revisable que pretende vender como bo.

Cordura

Te puede interesar