esexaba que Anova collese un camiño distinto ao pacto con Podemos, dado os debates e conflitos por mor das diferenzas de enfoque respecto da problemática galega nos parlamentos en Compostela e Madrid, mesmo que os antecedentes negasen esta hipótese. Mais, ao final confirmouse a tendencia, é dicir, que o centro de decisión político da candidatura na que se integra seguirá fóra de Galiza. Aínda que o grupo chamarase “Galicia en Común” o nome non muda os contidos; ou sexa, que as prioridades, a mensaxe, e a folla de ruta estarán supeditadas ás iniciativas de Unidas Podemos, agás naquilo que son competencias exclusivas da autonomía. Cales son as diferenzas reais neste aspecto en relación coas forzas estatais na Galiza?
De pouco vale organizarse só no ámbito galego se despois como norma optase por alianzas a nivel do Estado, dándolle un papel subalterno á cuestión nacional e ao propio suxeito político. A auto-organización perde deste xeito todo contido, xa que a mensaxe por activa e por pasiva que se transmite ao pobo galego é que a capacidade plena de decidir ten un papel secundario na praxe, malia as fortes contradicións que isto xera. Negase a interdependencia entre explotación e opresión, restando valor ao recoñecemento do Estado plurinacional e do dereito a decidir das nacións negadas polo centralismo. E ademais, faise nun tempo histórico en que ambas contradicións están máis ligadas que nunca por mor da globalización neoliberal, que centraliza e concentra riqueza e poder máis rapidamente que en ningunha outra etapa histórica, véxanse os dados de desigualdade.
Na ruptura do nacionalismo galego no 2012 todas as partes implicadas teñen a súa responsabilidade, e os diversos sectores recolleron cadros e militantes exemplares. Mais, non se pode obviar que malia todos os atrancos e eivas o BNG foi quen de manter un proxecto soberanista coherente, daquela que fose recuperando espazo electoral, mesmo neste contexto complexo e globalizador. Unha conxuntura regresiva e decisiva tanto no aspecto de clase como nacional galego, polo que resulta difícil de entender que Anova non adoptase unha actitude autocrítica, rectificase, e recuperarase como centralidade ao pobo galego. En troques, malia as contradicións, deu prioridade á alianza coas forzas de ámbito estatal, no que semella un camiño sen retorno.
En Marea, que rachou menos pontes coa praxe soberanista, non vai acudir ás eleccións do 5-A... Seguirá, desaparecerá ou fragmentarase? volverá ao BNG e en parte á orbita de Podemos? En que porcentaxes...?