Na miña opinión a entrevista é un dos xéneros xornalísticos máis difíciles. En gran parte, depende da hebelencia do entrevistador o tirar do entrevistado a información que satisfaga os intereses dos seus lectores, radioouvintes ou telespectadores. Unha entrevista ben feita engancha e deixa pouso; unha de “salón” ou de “cámara”, como foi a de Jesús Hermida ao rei Juan Carlos, defrauda. Un exemplo de ben facer entrevistas témolo nas 43 recollidas no libro Ferroláns de seu, de dous xornalistas desta casa: Nicolás Vidal e José Gómez Fandiño, publicado por esa despensa da cultura que é Edicións Embora. Como na boa pedagoxía (a de Gianni Rodari ou Agustín Fernández Paz), aquela que parte do local para achegarnos ao universal, o Nico e o Zeca, axúdannos a penetrar na interesantísima personalidade destes corenta e tres ferroláns de nós. Cunhas estupendas ilustracións de Juan Veiga, o libro é un agasallo de Nordesía. Parabéns!