Unha Igrexa sen cregos (I)

Juan L. Herrero del Pozo, autor do artigo “¿Por qué son aburridas las eucaristías?” publicado hai xa algún tempo, presentou, non sen certo escándalo, esa mesma pregunta que tamén se están a facer actualmente non poucos católicos. 
Non é un secreto para ninguén que a inmensa maioría das misas que se veñen celebrando nas parroquias non lles din nada ou case nada aos asistentes. Os que teñen costume de ir á misa os domingos van por un hábito contraído ou tamén porque a misa aplícase pola alma de un familiar. 
Logo está o problema dos cregos que, con poucas excepcións, carecen da formación debida para conectar coa sociedade actual que ten evolucionado bastante na súa forma de entender e de pensar. Agora, os chamados fieis, xa non comulgan con rodas de muíño. 
Que pasa? Pasa que as misas, un sucedáneo de aqueles encontros dos discípulos nos primeiros séculos despois da morte de Xesús, quedaron convertidas en ritos con apenas significado algún para inmensa maioría das persoas. 
A misa dia o crego, mentres que a comunidade reza ou agarda a que o crego termine. E os cregos, que cada vez son menos, din as  misas con apuro porque teñen que atender varias parroquias. Así é, en poucas palabras, como se encontra actualmente a Igrexa. Abandonou o seu carácter comunitario hai moitos séculos e quedou convertida nunha estrutura de poder relixioso e, en casos, tamén mundano, que choca de fronte co proxecto evanxélico de Xesús. 
A fraternidade comunitaria, a igualdade entre as persoas, a xustiza e a misericordia cos humildes son a base do  Evanxeo. Por este camiño quere levar a Igrexa o papa Francisco. 
El busca orientala como continuadora da obra de Xesús. Xesús era unha persoa libre e non se arredou de morrer na Cruz podendo evitalo. 
Confiando no seu Pai, foi tomando conciencia da súa misión e cumpriuna sen renunciar ata entregar a súa vida. 
A celebración da cea anterior á súa morte é a que deu orixe ao que actualmente quere ser a misa. Pero está deixando de ser entendida de esta maneira. As igrexas baleiras algo lle queren dicir ao clero e ás xerarquías.   
 

Unha Igrexa sen cregos (I)

Te puede interesar