O rap ¿canción protesta?

|

Eu non ouvira falar nunca de Pablo Hasél e teño que comezar dicindo que o “rap” e un xeito de expresión musical que non sigo, que me desborda con tanta fervenza de verbas disparadas a ritmo frenético e xa que logo non estou en condicións de facer un panexírico nin crítica negativa desta maneira de protestar agora que escasean os cantautores que tiñan esa prerrogativa. Á protesta ligada á música menos mal que lle quedan os “raperos”, dirán algúns.


Un rapaz díscolo, Pablo Hasél, está na cadea por dicir certas cousas que molestan ao sistema, coas que poderíamos estar máis ou menos de acordo se non fora polo xeito de expresalas , e aquí entra ese concepto tan controvertido como é o da liberdade de expresión e o que é e non é correcto. Xunto á liberdade de expresión sitúase a de aceptación e polo que se ve Pablo Hasél ten moito desta última dentro da mocidade que ve nel algo así como un super heroe loitando contra as inxustizas, pero as cousas pódense dicir de moitas maneiras e o Pablo tirou polo camiño da linguaxe máis irredenta, máis escandalosa e radical. Dicir por exemplo: “¡Hijo de puta, te voy a matar, voy a por ti, ya te encontraré! Ou “ a ver quien le clava un piolet en la cabeza a José Bono! resulta moi forte por mal que lle caia o home. Cousas así e outras verborreas radicais levárono a ser acusado de exaltación do terrorismo e a estar arestora na cadea.


A liberdade de expresión debe ser controlada por quen a utiliza: un ten que saber ata onde pode chegar nese exercicio. Liberdade de expresión non é dicir o que a un lle dea a gana da forma que lle dea a gana.


Liberdade de expresión non é insular, ameazar e denigrar Dito isto tamén teño que engadir que Pablo Hasél non é merecente de pagar o seu arrebato con pena de prisión porque non creo que a falta cometida vaia en proporción ao castigo imposto, explícome: se nos preguntamos en que consiste a exaltación do terrorismo todos seguramente chegaríamos á mesma conclusión: ningún terror debe ter eloxio veña de onde veña. Pois ben creo que se está incorrendo nun flagrante agravio comparativo. Lembrarán que hai pouco un señor, militar retirado, encabezou unha petición asinada por outros señores militares propoñendo fusilar a media España botando de menos ao “irrepetible” Franco e aquí non pasou nada. ¿Non é isto indución ao terrorismo? ¿Por qué a Pablo se lle aplica correctivo e a Francisco Beca non? Viuse que a regra de medir é diferente e penso non debera ser así por saúde e decencia democrática.

O rap ¿canción protesta?