O salón de actos do campus de Esteiro acolle desde onte unha nova edición, a vixésimo primeira, do Curso de Pensamento Carlos Gurméndez, organizado polo Club de Prensa de Ferrol. O programa dedícase este ano á análise e estudo da Constición Española, de cuxa vixencia cúmplense 40 anos, para o que se conta coa participación de recoñecidos especialistas e profesionais da comunicación. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presente no acto de inauguración, agradeceulle ao Club de Prensa a oportunidade de “facer unha reflexión pausada, desde os distintos ángulos e puntos de vista, a través de máis dunha decena de conferencias” sobre a Carta Magna. A primeira delas correu a cargo do recoñecido historiador Santos Juliá, para continuar pola tarde coas intervencións de Roberto Blanco Valdés e de Nona Inés Vilariño.
Exposición
No acto de apertura tomaron parte tamén o coordinador e secretaria do curso, Alberto Sucasas e Esperanza Piñeiro, respectivamente; a vicerreitora do campus, Araceli Torres; así como o presidente de honra e a presidente do Club de Prensa de Ferrol, Germán Castro e Julia Díaz.
O programa, que se prolongará ata mañá venres, comezou coa proxección dun vídeo sobre os trinta anos de vida do Club de Prensa de Ferrol, así como a inauguración dunha mostra sobre a Constitución de 1978 composta por unha selección de viñetas da obra “La Consti”, de Forges, “porque non hai nada que non se poida ver cun pouco de humor e un moito de sentido común”, apuntou Lorenzo . l