Mofa e Befa póñense “Románticos” na súa función no Pazo da Cultura

Mofa e Befa póñense “Románticos” na súa función no Pazo da Cultura
Jofre - Románticos - Mofa e Befa

Víctor Mosqueira, Evaristo Calvo, Quico Cadaval e Piti Sanz recuperan o formato didáctico de “Shakespeare para ignorantes” no seu “Románticos”, unha obra que pon no seu sitio este concepto, remontándose ás súas orixes, fronte á deformación actual. Farano o sábado en Narón, ás oito da tarde, nunha función que volverá facer escachar coa risa ó auditorio, garantía de Mofa e Befa.
“Para nós hai unha confusión entre o termo romántico, sinónimo de cursilería, sensiblería e mexericada, e o movemento cultural e intelectual nacido a finais do século XVII, un sentimento e unha filosofía moi fondas”, explicaba Evaristo Calvo nunha entrevista cando pasaron con este espectáculo por Ferrol. E para aclarar esta confusión recorren ó seu profesor de cabeceira, Cadaval, que irá aclarando conceptos que dous aplicados alumnos demostran ó público. Todo aderezado coas cancións de Piti Sanz. “O noso obxectivo é sempre o mesmo, divertir á xente, facerlle unha tarde agradable, que bote unhas risas e sacarlle trascendencia aos temas”, din.
E así asistimos á loita de Frankenstein e Julio Iglesias, ás revelacións do psiquiatra arxentino de Rosalía de Castro, á actuación musical do Conde Drácula, afeccionado ós boleiros, a un consultorio sentimental animado polas ánimas que regresan para dar consellos ou a un manual para o suicidio.
As entradas para asistir a “Románticos” están á venda na billeteira do Pazo da Cultura a un prezo de nove euros.

Mofa e Befa póñense “Románticos” na súa función no Pazo da Cultura

Te puede interesar