“O futuro do galego pasa por unha toma de conciencia individual”

“O futuro do galego pasa por unha toma de conciencia individual”
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-c2ab9725

Miguel Moreira é doutor en Filoloxía pola USC e vén de publicar o traballo “Contra a morte das linguas. O caso do galego” (Edicións Xerais) unha fonda análise (con estatísticas, exemplos e datos) da situación do galego na que, como o salmón, Moreira nada a contracorrente. O ensaio é optimista verbo das posibilidades de supervivencia da lingua galega.     

De que xeito nace o libro? 
Parte da miña tese de doutoramento feita en 2011 e dirixida por Teresa Moure. Pensei que o tema era interesante para o público en xeral e comecei a pulilo para publicalo a xeito de ensaio, sen todas esas partes das teses que afastan ao lector non especializado. A xente dime que é accesible.

Como está a variedade lingüística no mundo e como está no caso do galego?
Nós vivimos en Europa, e as cousas en Occidente e nos Estados Unidos non son como no resto do planeta. Na actualidade fálanse 6.000 linguas no mundo e segundo algúns estudos cando remate este século o 90% delas desaparecerá. A min interesoume coñecer esta realidade, o proceso de substitución dos idiomas máis pequenos polas linguas dominantes e aplicalo á situación concreta que está a vivir o galego e a presión que o español exerce sobre el.

Semella que o ensaio vai ser apocalíptico, cando é todo o contrario.
Si, a xente pode ver no título as palabras “morte” e “galego” e asocialas. A clave está na primeira: “Contra”. O galego está a pasar por momentos moi difíciles, rotura da cadea de transmisión da lingua, desleixo do goberno da Xunta á hora da súa defensa e medidas que o apoien. Pero non está todo perdido, hai falantes, hai unha ferramenta clave se quere usarse como é o ensino e con vontade a situación actual pode revertirse.

Como?
Aparte do ensino, insisto, coa toma de conciencia individual. Semella que desde o Goberno da Xunta os galegofalantes non poden agardar nada bo, que está axudando a ocultala e a favorecer a lingua dominante, neste caso o castelán, pero non todo está perdido. Aínda cunha situación adversa, e sendo a lingua un instrumento do mercado capitalista, se desde o individual ao colectivo  a xente pide produtos e servizos en galego, a industria acaba creando eses produtos. Logo, os pais non ensinan galego ós nenos porque se asegura que terán máis traballo e futuro se falan castelán. Fóra de que coñecer dúas ou máis linguas non é incompatible, o certo é que iso é un tópico, non é certo. Hai que pasar por riba diso e deixar claro que apoiar a lingua propia sempre é unha boa opción.
Vai presentar o libro en Ferrol?
Gustaríame, pero aínda non hai data nin lugar. Fixémolo en Santiago este luns e farémolo oficialmente na semana das Letras Galegas na Coruña.

Cal está a ser a recepción?
Ata o de agora estamos moi contentos. A proposta do libro estase entendendo e as críticas polo momento son moi positivas. n

“O futuro do galego pasa por unha toma de conciencia individual”

Te puede interesar