A Graña, A Cabana, Brión e San Felipe protagonizan o quinto volume da serie sobre memoria histórica que coordinan os investigadores Juan Burgoa e Guillermo Llorca, unha iniciativa que botara a andar hai un lustro, en 2015, cun volume sobre Ferrol Vello no momento en que aínda estaba recente o conflito pola colocación do tanque de tormentas.
Agora, cinco anos despois e con máis de 1.700 páxinas que recollen a historia, o patrimonio artístico, a riqueza natural, a cultura, a socioloxía e mesmo o deporte nos barrios primixenios da cidade naval, Burgoa e Llorca presentan “Memoria histórica das vilas da Graña, da Cabana, Brión e San Felipe”, un proxecto editado por Embora e que, neste caso, reúne as achegas de vinte e oito especialistas nos seus respectivos eidos de coñecemento. Preséntase ás oito da tarde de mañá no local veciñal da Graña.
Os promotores destacan, como aconteceu tamén nas colectivas sobre Ferrol Vello, Esteiro –estas dúas edicións xa esgotadas–, A Magdalena e Canido, a pluralidade dos perfís dos colaboradores. “Tiñamos claro desde o comezo que debía ser así”, apunta Burgoa. “Enfocámolo”, engade Llorca, “cronoloxicamente, é dicir, desde o primeiro barrio histórico da cidade, que foi Ferrol Vello, e seguimos por Esteiro, A Magdalena –que foi o enlace entre os dous anteriores–, Canido e agora imos cara a periferia, cara á banda norte. Esta zona é a quinta parada”.
Rico patrimonio
Neste quinto volume, A Graña asume boa parte do protagonismo dos textos. “Hai que pensar”, lembra Llorca, “que desde 1726 foi a base da capital marítima do noroeste peninsular e é o núcleo central deste volume”. Canda ela, apuntan, outras pezas chave do patrimonio desta zona, como é o caso da capela da Cabana ou o castelo de San Felipe, ademais, precisa o autor de “Ferroláns”, “doutros testemuños de corte máis sentimental e sociolóxico” que, en conxunto, fan destas 400 páxinas, unha obra imprescindible nos andeis da súa veciñanza. l