Unha saída mico-fotográfica abre hoxe o programa da feira pontesa de fungos e cogomelos

Unha saída mico-fotográfica abre hoxe o programa da feira pontesa de fungos e cogomelos

Cando quedan trece días para a xornada central da cita, a XXVI Feira dos Fungos e Cogomelos comeza a quentar motores coa celebración das diferentes propostas programadas como aperitivo á festa de exaltación gastronómica.
A primeira terá lugar esta mesma tarde, cunha saída mico-fotográfica ao monte do Forgoselo. Da man do micólogo José Luis Cuba, que diseccionará as microformas, e do fotógrafo Álvaro Navarro, que achegará as mellores técnicas para retratar os momentos e escenas da saída, os participantes poderán gozar dunha interesante proposta.
A seguinte cita no calendario consistirá nunha charla sobre a actividade de estudo dos fungos na vila pontesa. Será o día 29, a partir das 20.30 horas na Casa Dopeso, e contará coa participación de Pepe Guerreiro (falará da historia da micoloxía no municipio), o cociñeiro José Arence e José María Traba (coautor do libro Gogomelos de Galicia).
A gastronomía será a protagonista o venres 30 a través do “showcooking” que ofrecerá a cociñeira Teresa Cabarcos Ramil, de Casa Teresa. No decurso da actividade, prevista para as once de mañá no mercado de abastos –a entrada será libre–, dará a coñecer a través dos seus pratos o valor do produto pontés e a riqueza e variedade dos postos do mercado. Pola tarde, a partir das 18.30 horas, tomará o relevo o cociñeiro do restaurante España (Lugo), Héctor López, membro do Grupo Nove.

sábado 31
O programa intensificarase o día 31, véspera da gran festa, cunha xornada con novas saídas ao monte que permitirán coñecer os distintos hábitats onde se dan os fungos así como participar na clasificación dos mesmos. Un obradoiro de cociña para nenos a cargo de Ana Oca e un novo “showcooking” da man de Antonio Díaz (Andarubel) completarán o cartel que abrirá paso, o domingo día 1, á XXVI Feira de Fungos e Cogomelos.
Esta arrancará ás nove da mañá coa presentación das cestas que optan ao concurso de fungos y que estarán expostas ao público durante toda a mañá na rúa Alexandre Bóveda. As inscricións poderán realizarse no departamento de Cultura ata o venres 30 de outubro. Haberá premios aos cinco primeiros clasificados –entre 300 e 75 euros–, outro especial de 300 euros, un xuvenil (entre 18 e 25 anos) de 75 euros e un de 20 euros a todos os participantes.
Ao longo do día haberá, ademais do xantar popular e animación musical, exposicións de especies de fungos, de artesanía, de produtos ecolóxicos así como unha mostra da raza de can de palleiro. Ofertaranse tamén actividades dirixidas ao público infantil e outras propostas que servirán para complementar a cita pontesa.

Unha saída mico-fotográfica abre hoxe o programa da feira pontesa de fungos e cogomelos

Te puede interesar