A oferta de Formación Profesional na cidade ferrolá verase incrementada para o vindeiro curso en sete novos ciclos. Seis deles serán implantados no CIFP Ferrolterra, que contará con cinco programas de FP Dual e un ordinario de Mantemento de estruturas de madeira e moblaxe de embarcacións de recreo –. Pola súa banda, o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro suma á súa oferta un ciclo superior –ordinario– de Marketing e publicidade.
Ata o primeiro dos centros se desprazou onte o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, quen destacou que a nova oferta para a comarca suma un total de 118 prazas.
Destas, 66 corresponden aos devanditos ciclos de FP Dual, dos que dous xa teñen esgotadas as prazas dispoñibles. Trátase, segundo explicou o director do CIFP Ferrolterra, Enrique Pazo, do superior de Programación en Fabricación Mecánica que se desenvolve co Navantia e o medio de Soldadura e Caldeiraría con Windar Renovables. Nos dous casos recibíronse máis de corenta solicitudes para as doce prazas dispoñibles en cada caso.
No ciclo de Deseño en Fabricación Mecánica no que tamén está implicada a empresa Navantia, foron recibidas un total de 19 solicitudes, das que xa foron adxudicadas 10 logo das probas realizadas pola compañía pública. A dúas restantes serán asignadas no mes de setembro a través do mesmo procedemento de selección.
Pola súa banda, a empresa Cándido Hermida continúa a realizar as entrevistas a través das cales está a escoller aos alumnos que poderán cursar oc ciclo superior de Deseño e Amoblamento con esta empresa da comarca e que oferta un máximo de 15 prazas. Ata o de agora foron cubertas catro e hai outras cinco persoas en reserva que poderían entrar. Precisamente este xoves e venres terán lugar novas entrevistas.
Desde o CIFP Ferrolterra lembran que aínda hai moitas prazas e que está aberto o prazo de inscrición ata setembro ou ata cubrir prazas neste programa.
Tamén hai aínda vacantes no ciclo medio de Instalacións de Produción de Calor con Gas Natural Fenosa, no que se ofertaban 15 prazas e no que hai nove vacantes, polo que continúa tamén o proceso de selección.
Desde o centro educativo lembran que os candidatos excluidos nalgún ciclo de FP Dual, poden apuntarse noutro desta mesma modalidade no que haxa vacantes.
Aposta
O incremento exponencial da oferta de FP Dual na comarca reflicte claramente a aposta das empresas da zona por esta modalidade de estudos na que os estudantes reciben unha maior carga de formación no ámbito da empresa. Esta oferta avanza ademais na implantación dunha modalidade, a de FP Dual, que segundo salientou onte Rodeiro supón unha das apostas do departamento educativo da Xunta de Galicia para impulsar a empregabilidade dos titulados e para axustar a formación profesional ás necesidades dos sectores produtivos.
Segundo engadiu, o motivo de modificar a oferta de ciclos para cada curso vén derivado da necesidade de dar resposta ao tecido socio-produtivo de cada comarca e á demanda de titulados que solicitan as empresas. l