Dixeron que, de non solucionarse o problema, continuarían coas accións de protesta, e así o farán. Logo da andaina reivindicativa celebrada o pasado 25 de outubro, a comunidade educativa do CEIP Manuel Masdías de Caranza propón agora outra medida de presión para continuar esixindo á Consellería de Educación que repoña o docente de apoio en Infantil, suprimido este curso.
Desta volta, desenvolverán un peche de 24 horas no centro que se prolongará desde as 14.00 horas deste xoves ata a mesma hora do venres.
O centro insiste en que esta praza correspóndelle por lei ao dispor de tres unidades na devandita etapa educativa, tal e como se recolle na orde do 12 de agosto de 2010 que establece o número de unidades e de postos de traballo (con tres aulas, correspondente catro profesores ou profesoras).
Educación, reiteran desde o centro, non mudou esta normativa, polo que desde a dirección do colexico consideran “ilegal” que supriman esta praza de apoio.