Román Montesinos amosa outra cara dos obxectos no Ateneo

Inaguración de la exposición de Román Montesinos en el Ateneo
|

Continúa aberta ata o día 31 deste mes no Ateneo Ferrolán unha das mostras fotográficas máis sorprendentes que poden verse na actualidade. O xeólogo e paleontólogo coruñés Román Montesinos abreu o pasado día 5 a exposición “Metáforas visuais” acompañado polo artista naronés Fran Nieto. En total 18 imaxes que afondan na liña deste mestre dos paradoxos visuais que adoita xogar cos conceptos e a suxerencia das imaxes.
Habitual de salas e locais de exposicións de Ferrol e comarca,  Montesinos trata de facer reflexionar ao espectador coa fotografía metafórica cunha grande compoñente intelectual ou de xogo mental.
Para iso, Montesinos emprega obxectos e unha linguaxe visual (metáfora fotográfica - poesía visual) para expresar ideas ou situacións con matices irónicos e humorísticos con ideas nas que poden agocharse dobres sentidos e levar ao espectador a replantexarse a realidade. E faino a través dunhas imaxes dunha notable perfección técnica.
Román Montesinos amosou o seu traballo en exposicións en Oviedo, A Coruña, Culleredo ou Lugo. Esta do Ateneo continúa aberta ata o próximo día 31 en horario de 17.00 a 21.00 horas de luns a venres.

Román Montesinos amosa outra cara dos obxectos no Ateneo