A traxectoria de Raparigos, eixo da xornada da AFC Berros do Castro

A traxectoria de Raparigos, eixo da xornada da AFC Berros do Castro
A Xornada incluíu unha mostra sobre a traxectoria do grupo ferrolán Raparigos | daniel alexandre


A cita, que encarou a súa décima edición, estivo dedicada este ano á traxectoria do grupo ferrolán Raparigos, un referente non só na comarca senón no coxunto da comunidade, que precisamente neste 2018 celebra o seu cincuenta aniversario.
O seu estilo marcou un punto de inflexión na década dos sesenta, dándolle un aire novo á música tradicional desenvolvido polas agrupacións de gaiteiros.
“Eles fixeron ese cambio tan interesante que ademais sigue vixente na actualidade”, salientaban onte desde a organización. Coa intención de renderlles tributo, Berros de Castro realizou, no marco da xornada de onte, unha exposición que repasa o seu medio século de vida a través de fotografías, discos, documentos e mesmo instrumentos –entre os que se puido ver a gaita orixinal de Constantino Bellón–, entre outros elementos.
A X Xornada de Cultura Popular Galega incluíu tamén, como vén sendo habitual, un obradoiro formativo, contando desta volta con Xaquín Xesteira, “Xocas”, un dos mestres e intérpretes da gaita máis destacados na actualidade e músico en Treixadura e tamén n’Os Faíscas de Solobeira.
Profesor na Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo, ten publicados dous volumes sobre o método da gaita galega. Das técnicas deste instrumento, da súa afinación ou da ornamentación básica do mesmo falou onte no decurso da sesión formativa que reuniu a un total de quince persoas inscritas.
Concertos
Tralo remate do produtivo taller, chegou a quenda para os concertos, abertos a todas as persoas interesadas.
Foi o propio Xesteira o encargado de abrir o cartel cun repaso didáctico dos recursos aprendidos ao longo do día, para continuar a música co cuarteto Os Faíscas de Solobeira, grupo nacido en 1982 na parroquia vilagarciana de Solobeira.
Para o peche das actuacións, Berros do Castro convidaron á Asociación Cultural Donaire, creada hai 18 anos na Coruña co obxectivo de recuperar, promover e difundir o folclore desde a óptica da danza e a interpretación musical.
Así, con música de raíz, pechábase unha nova edición dun encontro xa moi consolidado na axenda do municipio. l

A traxectoria de Raparigos, eixo da xornada da AFC Berros do Castro

Te puede interesar