A comunidade da Universidade da Coruña está chamada hoxe a exercer o seu voto para elixir ao novo reitor da institución académica. Poderán participar no proceso un total de 19.226 persoas (839 do corpo de Profesorado Doutor con vinculación permamente; 799 das restantes categorías de Persoal Docente Investigador; 16.843 estudantes; e 745 pertencentes ao Persoal de Administración e Servizos). Son 1.411 persoas menos que nas eleccións de 2001, cando o censo situouse en 20.637.
Do total de electores que poderán intervir nos comicios desta xornada, máis de 2.600 corresponden ao campus de Ferrol –2.239 estudantes; 130 PDI con vinculación permanente e 114 de restantes categorías; e 115 PAS–. A estas cifras locais, segundo se especificou desde a propia UDC, hai que engadir o número de PDI contrados con cargo a proxectos de investigación –son 112 no conxunto da UDC– así como alumnado de terceiro ciclo centralizado na Escola Internacional de Doutoramento –692–.
De feito, á cifra de profesorado relativa ao campus de Ferrol sinalada anteriormente vese incrementada ademais, no día a día da actividade académica, polos docentes que imparten docencia nos centros de Esteiro e Serantes pero están adscritos a outros centros, nos que imparten a maior parte da carga lectiva.
voto ponderado
Nas elecciós a Reitor da Universidade da Coruña, os votos dos diferentes colectivos non teñen o mesmo peso, ao estar ponderado. É o do colectivo de profesor doutor permanente, cun 51%, o que ten máis valor, seguido 28% do estudantado, o 12% das restantes categorías docentes e o 9% para o PAS. Serán precisamente os votos os que determinen o nome da persoa que durante os próximos catro anos guiará o rumbo da institución académica. Julio Abalde e Daniel Pena son os candidatos. A incógnita quedará hoxe resolta.