A campaña de vacinación contra a gripe, a máis relevante dos últimos tempos polo medo á coincidencia co coronavirus e pola amplitude de tempo e de poboación á que se destina, está a piques de rematar oficialmente conseguindo cifras nunca antes acadadas. Na área sanitaria ferrolá inxectáranse ata o 23 de decembro 61.072 doses, cando na mesma altura, o ano anterior, eran 43.601. A demanda este 2020 foi de 17.471 persoas máis.
A cobertura é tamén maior que a habitual nos que superan os 65 anos, grupo de poboación prioritario á que se dirixe. Chegaba este mércores ao 70,3%, mentres que en 2019 este dato era do 59%. En concreto, se hai un ano se vacinaran a piques de rematar o ano 30.282 persoas con 65 anos ou máis, agora esta cifra chega a 36.255. En áreas sanitarias cun alto avellentamento da poboación, como Lugo e Ourense, esta vacinación supera o 75% da poboación diana.
A demanda de vacinas provocou en Galicia retrasos na súa inoculación a casos non prioritarios, en momentos en que as remesas periódicas non chegaban para inxectar a todos os que o solicitaran. Nos últimos días esta vacinación está xa aberta a tódalas persoas que o desexen, ata rematar as doses, segundo informou en rolda de prensa a directora seral de Saúde Pública, Carmen Durán. Xa en 2019, en vista de que a finais de ano non comezara aínda a expansión da gripe, ampliárase a campaña tamén aos primeiros días de xaneiro para os que aínda quixesen vacinarse.
As incógnitas do Covid
O comportamento dos virus da gripe coincidindo no tempo co SARS-CoV-2 é unha incógnita. Os datos do hemisferio sur indican que a súa prevalencia foi mínima. Polo de agora, o sistema de vixilancia epidemiolóxica apenas detectou casos en España. En Galicia, na semana 51 (do 14 ao 20 de decembro), a situación é de difusión nula, isto é, non hai evidencia microbiolóxica de actividade gripal. De tódolos xeitos estase á expectativa do que suceda porque o ano pasado foi na semana 5 de 2020 (do 27 de xaneiro ao 2 de febreiro) cando se acadou o pico de casos e de ingresos.
A falta de vacina contra o coronavirus (as primeiras doses empezan a inocularse hoxe mesmo na Unión Europea), a da gripe é unha medida preventiva de enfermidades respiratorias que está a man. Ademais, os temores das autoridades sanitarias están postos nunha posible coincidencia cunha oleada de coronavirus despois do Nadal, co que se multiplicarían os ingresos, colapsando o sistema sanitario. Tamén é posible que unha mesma persoa teña as dúas infeccións, o que agravaría o seu estado.