Citas coa micoloxía, a esfolla, o magosto e os produtos de outono

Todos aqueles que hoxe teñan o día libre e desexen gozar dalgunha actividade relacionada con esta época do outono teñen varias posibilidades nos municipios da comarca.
Na parroquia naronesa de Doso, por exemplo, esta tarde terá lugar a recreación tradicional da esfolla do millo. Baixo a organización do Padroado de Cultura de Narón e a AVV “A Naveira”, a actividade comezará ás cinco na pista polideportiva do lugar. Incluirá obradoiro de bonecos de maínzo e de bolas da sartén, un concurso de sobremesas, música, danza tradicional e un concerto do grupo O Sonoro Maxín para pechar a festa.
Tamén sobre a esfolla xirará a xornada a celebrar esta tarde, na AVV de Labacengos, en Moeche, neste caso con xantar a partir das 14.30 horas e o desenvolvemento da propia esfolla desde as cinco da tarde con actuación incluída do Grupo Andarivel.
O Concello de Neda, pola súa banda, organiza esta mañá no recinto feiral de Albarón, a segunda edición da Feira do Outono, que reunirá a unha vintena de postos de artesanía, alimentación, viveiro e produtos da horta. Todos abrirán as súas portas ás dez da mañá para permanecer no recinto ata as tres da tarde.Haberá tamén un mercadillo solidario da Asociación de Veciños de Ancos e estará tamén no lugar o aula móbil da Campaña de Reciclaxe da Xunta de Galicia.
A micoloxía estará tamén presente na xornada de hoxe con varias propostas. A Fundación Ortegalia celebrará as súas sétimas xornadas coa participación de Cristina García-Echave Puente. Ás 10.00 horas impartirá unha conferencia sobre “Aplicacións, curiosidades e lendas dos fungos ao longa da historia”, no museo Ortegalia, e unha posterior saída micolóxica ás 11.00 horas. Mañá, haberá unha exposición de especies no marco da XXVIII Feira do Mel que desde as once da mañá terá lugar na Alameda e que incluirá música, xantar popular, xogos e demostración de extracción de mel.
Cun xantar a base de receitas que teñen nos cogomelos os principal ingrediente poñerá fin este mediodía a asociación de veciños San Xoán de Bertón á semana micolóxica desenvolvida coa finalidade de dar a coñecer as diferentes especies.
Tamén continúan esta fin de semana os magostos en diferentes puntos da comarca. A Asociación Parque Río Freixeiro celebrará o seu a partir das 20.00 horas, mentres que a AVV de Cabanas e Iris farán o propio ás 20.30 horas.

Citas coa micoloxía, a esfolla, o magosto e os produtos de outono

Te puede interesar