Jesús Castro Yáñez, gañador do XXVIII Premio Nacional de Poesía Xosémaría Pérez Parallé

Jesús Castro Yáñez, gañador  do XXVIII Premio Nacional de Poesía Xosémaría Pérez Parallé
Diario de Ferrol-2015-11-15-009-079fb217_1

Tras un intenso debate arredor de varias das obras presentadas, o xurado da XXVIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, convocado polo Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene co apoio do Concello, acordou por maioría conceder o galardón deste ano a Jesús Castro Yáñez polo seu título “Os nomes e os signos”. 
Nado en Baltar (A Pastoriza) en 1992, o autor ten xa no seu haber algúns premios pola súa obra como o Minerva, Xela Arias, Ánxel Casal ou o segundo premio no certame Díaz Jácome. Recentemente gañou tamén a convocatoria de relato breve Nélida Piñón do Concello de Cotobade coa súa narración “O vello e o minotauro”.
O acto de entrega do premio terá lugar o vindeiro sábado 21, no local do Círculo Mecantil e Industrial fenés, a partir das oito da tarde, nunha sesión que contará ademais coa actuación da rondalla Estrelecer do propio CMIU de Fene.
O Xosémaría Pérez Parallé de poesía ten por obxectivo colaborar na promoción de novas voces, polo que para participar é requisito imprescindible non ter publicado ningún libro individual do xénero.
Á edición deste ano concurriron un total de 27 obras. A elixida polo xurado, neste caso a de Jesús Castro, será publicada na colección de poesía de Espiral Maior. O premio complétase, tal e como se especifica nas bases, cunha gratificación económica de mil euros, así como unha escultura obra do artista plástico Francisco Pérez Porto, fillo de Xosémaría Pérez Parallé.

xurado
O xurado estivo integrado por Estíbaliz Espinosa, escritora dunha extensa obra poética caracterizada pola innovación formal e e a experimentación con soportes alternativos como os podcasts ou os videopoemas; Fran Cortegoso, gañador da XXVI edición do Pérez Parallé; e Estevo Creus, con varios premios na súa traxectoria e que participa en diversos proxectos nos que a súa poesía mistúrase coa música contemporánea, a danza ou o vídeo.

Jesús Castro Yáñez, gañador do XXVIII Premio Nacional de Poesía Xosémaría Pérez Parallé

Te puede interesar