Cedeira converte o Lugnasad celta nun estímulo turístico para a vila

Lugnasad en Cedeira
|

“Ademais de recuperar este tipo de tradicións hai un interese en que Cedeira sexa o centro de atracción de xente de toda Galicia, España e incluso o extranxeiro. Os hoteis, pensións e restaurantes estiveron cheos estes días”. Así falaba onte o profesor Manuel Aneiros Loureiro, impulsor desta cita que rememora a vella tradición celta do casamento e que cada ano está a acadar un maior éxito de participación. Onte, nun día espléndido de sol, foron unhas 30 as parellas que quixeron tomar parte nesta cita
Ao mediodía comezou o tradicional desfile de noivos dende o poboado castrexo da Magdalena, no pinar de San Isidro, ata o parque do Sagrado Corazón, polas rúas do centro da vila. Naquel escenario presentáronse os noivos e participantes unha hora máis tarde.
Pola tarde regresaron os denominados “Xogos dos Diminutos”, que xa se celebraron o venres para os nenos e nenas, que participaron en probas como “Busca do Graal” e “O home do saco”. Logo foron os maiores quen tomaron parte en actividades xa clásicas na cita como “Lanzamento do tronco”, “Impulso da roda”, “Óso ao caldeiro” e “Tiro da corda”. Ao remate das mesmas entregáronse os premios e houbo reparto de xoguetes e agasallos para os participantes.
Xa ben entrada a noite veciños e visitantes viviron un dos momentos máis esperados: a celebración das vodas celtas, co druída “Aneiros dos Ártabros” como oficiante desta festa referencial do calendario celta. O compromiso das parellas durará o inverno, aínda que poden renovalo ao verán seguinte ou rompelo antes. A cita festiva rematou ben entrada a noite coa cea dos noivos.

Un referente festivo
O Lugnasad de Cedeira congrega cada nova edición a centos de persoas atraídas polas tradicións celtas e o ambiente castrexo dunha festa que pretende potenciar a creatividade popular e os recursos gastronómicos e turísticos da zona. Colaboran no proxecto o Concello de Cedeira, a Asociación Amigos do Lugnasad, a Banda de Gaitas Robaleira, a sociedade de Caza e Pesca Cedeira-Cerdido e diversos empresarios, comerciantes, artesáns e veciños de Cedeira.

Cedeira converte o Lugnasad celta nun estímulo turístico para a vila