Reportaxe | Cadros que son pintura e música ao mesmo tempo

Reportaxe | Cadros que son pintura e música ao mesmo tempo
el ideal gallego-2019-02-08-037-c9c5289d

A galería Xerión presenta en “Tentación sonora” pintura con melodía. María Xesús Díaz conta que non pode pintar sen a música e que esta conduce ao pincel por un lado, escolle cores e ritmo e todo xira en torno a ela. Esta vez, ata o título é música. A creadora ofrece no local de Rubine unha proposta no que se vinculan ambas de xeito formal: “A música foi para min un elemento moi importante na miña forma de traballar”, porque quizais de maneira inconsciente, deuse conta que tiña moito que ver coa execución, “en como desenvolvo a obra” e así, as pezas que conforman a mostra son “Fantasía en re” ou “Cadencia en clave de Fa”. Conta María Xesús que “na temática non ves que é música, pero os títulos suxiren”, e un o aprecia co ollo, que non co oído. 


Son títulos ligados a composicións e formas musicais, a sons, e o traballo resultante está “bastante estudado”, non é porque si. Explica a autora que os cadros non están postos ao azar. Están relacionados. 


Ela é incapaz de traballar en silencio. E escoita música de moito tipo, da clásica de Chaikovski ao estilo máis contemporáneo, sen deixar de pinchar música medieval, blues e jazz: “Gústame moito a zarzuela e a ópera, Dolores Pradrera, Luz Casal... cada obra depende do que estea posto, inflúe moito co que vou facer” e aínda que traballa  coa mancha e coa espátula vai facendo, construíndo, “as cores son moi importantes e esa mancha me leva a determinado son ou sensacion musical”. 


Na exposición hai dúas partes diferenciadas. As feitas entre 2008 a 2015 levan a unha primeira achega da súa forma de facer. A pintura está máis definida, pero segundo pasa o tempo, a mancha estírase. No segundo apartado, de 2016 a 2018, o propiamente musical, pode apreciarse a evolución da artista que sen chegar a unha abstracción absoluta, “a cor predomina máis que o debuxo, que se intúe”, para que o espectador se deteña. 

Non basta só con velo, as súas paisaxes van máis alá. A luz e as tonalidades falan. Tamén falan, neste caso, escriben no catálogo personalidades como a profesora Aurora Marco, as poetas Eva Veiga e Pilar Pallarés, os historiadores e críticos de arte Xosé Carlos L. Bernardez e Pedro Cabarcos e Gustavo Pernas, dramaturgo recentemente falecido. Por último, Rogelio Groba ponlle notas á publicación que acompaña a unha “alborada” ou un “intermezzo” plásticos.

Reportaxe | Cadros que son pintura e música ao mesmo tempo

Te puede interesar