Xabier Díaz: “A música popular precisa todos os coidados; hai que poñela no sitio que se merece”

Xabier Díaz: “A música popular precisa todos os coidados; hai que poñela no sitio que se merece”
un momento do obradoiro impartido por xabier díaz d.a.

Adícase profesionalmente á musica popular galega e con ela viaxa por todo o mundo. Di que este xénero “merece e precisa todos os coidados e a dignidade do mundo”, que “hai que dignificala e poñela no sitio que se merece”. E a iso precisamente contribuíu onte coa súa participación nas Xornadas de Cultura Popular Galega que por quinto ano consecutivo organizou na Casa da Cultura de San Sadurniño a asociación Berros de Castro, nesta ocasión baixo o título “A voz na música popular”.
Xabier Díaz, cantante titular da Compañía Nova Galega de Danza e integrante do grupo Berrogüeto, exerceu onte outra das súas múltiples facetas: a de mestre de música tradicional (tamén é compositor, investigador e compilador do folclore tradicional galego). El foi o encargado de impartir un obradoiro musical sobre “Técnicas de voz e percusión: patróns tradicionais galegos” ás arredor de 30 persoas que este ano tomaron parte nas devanditas xornadas culturais.
En sesión de mañá e tarde, Díaz abordou aspectos relacionados co canto tradicional –a respiración, afinación ou o estudo de escalas adaptadas ás melodías populares– así como coas técnicas de pandeireta ou os patróns tradicionais galegos de interpretación destes instrumentos, entre outras cuestións.
En palabras do propio Díaz, a celebración de xornadas como a promovida onte por Berros do Castro “son esenciais porque ás veces esta docencia non está ao alcance de todo o mundo, é ademais é un privilexio”.
Logo do curso, o propio Xabier Díaz ofreceu un concerto no que amosou unha escolma dos recursos aprendidos aos alumnos do obradoiro. Tamén actuaron o grupo de pandereteiras “Algarabía” e a formación de música tradicional “Os Melidaos”.

Xabier Díaz: “A música popular precisa todos os coidados; hai que poñela no sitio que se merece”

Te puede interesar