Ramón Bermejo | “O entusiasmo por este acto foi crecendo exponencialmente”

Ramón Bermejo | “O entusiasmo por este acto foi crecendo exponencialmente”
O director coral Ramón Bermejo durante a súa visita onte ao CEIP de Pazos para participar nun ensaio da cita do xoves

Cando o músico, profesor de técnicas de voz e director de coros Ramón Bermejo viu en internet o vídeo no que unhas 1.500 persoas interpretaban o tema “Hallelujah” de Leonard Cohen nunha nave industrial en Canadá, pensou no interesante que podería resultar facer unha actividade similar en Galicia, con artistas galegos e con escolares como protagonistas.

A oportunidade xurdiulle en Ferrol, cidade na que entre os meses de xaneiro e febreiro impartiu un curso de formación do profesorado sobre “O coro escolar, unha actividade integradora para o alumnado” organizado polo Centro de Formación e Recursos de Ferrol.

Alí propuxo o tema e a resposta tanto do asesor do CFR, José Antonio Sordo, como dos profesores foi inmediata. “Encantoulles”, di Bermejo. O impulsor da iniciativa tiña xa pensado o nome da artista galega que quería que formara parte do proxecto: a cedeiresa Guadi Galego. E a ela tamén lle entusiasmou. Tamén tiña en mente o lugar ideal para desenvolver a iniciativa: o estaleiro de Navantia, símbolo da actividade económica de Ferrolterra.

E aí, nun dos talleres da factoría ferrolá, será onde este xoves un coro escolar formado por uns mil alumnos de entre 7 e 17 anos de centros da comarca interpretarán xunto a Guadi Galego a canción “Chea de vida”, para representar así, di Bermejo, “unha lingua galega chea de vida, unha mocidade chea de vida, unha educación chea de vida e unha industria naval chea de vida”.

Colaboración
O acto conta coa colaboración da Secretería Xeral de Política Linguística, da Consellería de Educación e da propia Navantia, a través da cesión do espazo. “A cadea de entusiasmo do proxecto foi crecendo de forma exponencial”, comenta Bermejo.

O músico, que dirixirá a actuación do xoves, visitou nas últimas semanas algúns dos centros participantes para ver os ensaios –onte estivo no CEIP de Pazos e no Jesús Maestro–. “Agora hai mil nenos máis que coñecen a Guadi Galego e que ademais están encantados coa canción que interpretan, polo que esta iniciativa pode contribuír a que teñan máis interese polos artistas galegos e que aprecien a música que se está a facer en Galicia”, di.

Na cita deste xoves non haberá ensaio conxunto entre o millar de estudantes e a artista cedeiresa, senón que xa se pasará directamente á acción para gravar o vídeo –un grupo de alumnado de 3º de Primaria realizará simultaneamente a interpretación da canción en lingua de signos–.

Internet
O vídeo que resulte será colgado nas redes sociais o Día das Letras Galegas para conmemorar esta festa e fomentar ao mesmo tempo o canto coral e a formación de coro nos colexios.

Precisamente neste obxectivo está a centrar Bermejo a súa actividade actual, máis enfocada ata o momento aos coros de adultos. “Estoume a centrar no deseño de cursos e líneas de traballo con nenos e adolescentes. A actividade coral nos centros é unha actividade integradora, que lle gusta a moitos docentes pero non saben como facelo, polo que hai que darlles ferramentas”, explica.

Ramón Bermejo | “O entusiasmo por este acto foi crecendo exponencialmente”

Te puede interesar