Ferrol entra no Nadal con menos de 400 casos activos e un na UCI

Ferrol entra no Nadal con menos de 400 casos activos e un na UCI
As PCR continúan a ser a principal vía de diagnóstico, aínda que xa se empregan os test de antíxenos en centros de saúde | j.m.

O “reseteo” co que se pretendía chegar ás festas de Nadal cando se endureceron as medidas restritivas en novembro non conseguiu que se entrase nestas datas con máis tranquilidade pero si cunha melloría notable na área sanitaria ferrolá con respecto á situación de hai unhas semanas. Os contaxios mantéñense por baixo da vintena (20 confirmados por PCR na última actualización estatística) e as persoas que agora mesmo teñen a infección baixan das 400 (398 nas cifras de onte). No hospital aínda non se baixa dos 30 ingresados pero houbo un descenso nos últimos días, sobre todo na Unidade de Coidados Intensivos, onde se comunica unha única persoa con diagnóstico positivo (pode ser que haxa pacientes que sigan debido a gravidade da súa situación pero xa deran negativo no test). En planta infórmase de 29 pacientes.

Os falecidos, porén, continúan. Os dous últimos notificados foron unha muller de 77 anos, que estaba ingresada en planta, no Arquitecto Marcide. Informouse do seu pasamento o día de Noiteboa. A última hora de onte coñecíase ademais a defunción dun home de 92 anos que estaba tamén ingresado no CHUF. Estas comunicacións poden producirse con algún día de retraso mentres se fai o proceso de verificación.

Cribado negativo 
O Sergas informou tamén do resultado do cribado no CEIP A Magdalena, nas Pontes, que se realizou durante o luns e o martes. Non se detectou ningún caso positivo. Estaban previstas 413 probas e fixéronse un total de 304.

Este centro escolar foi o máis afectado durante o brote na vila pontesa. Estes datos confirman ademais a tendencia no concello, onde está a descender a incidencia. Nos datos de onte informábase de 84 persoas diagnosticadas nos últimos 14 días (unha IA de 828,57 para 100.000 habitantes), cando no pico houbo 137.

Os centros sociosanitarios manteñen as mesmas cifras, tamén as máis baixas dos últimos meses. Queda un positivo entre as usuarias da residencia Nosa Señora das Virtudes, en Pontedeume, mentres que no persoal laboral hai dúas persoas afectadas na residencia San José de Narón.

Á espera de que empece a vacinación (logo do avance do domingo, con 500 doses que se inxectarán nunha residencia de Santiago, distribuiranse 18.000 a Galicia o luns), as autoridades sanitarias insisten en que é indispensable que se manteñan as medidas habituais de distancia social, limpeza de mans, ventilación e emprego de mascarilla. Tamén insisten na recomendación de evitar xuntanzas fóra do núcleo familiar, sobre todo en lugares pechados, para impedir ou mitigar no posible unha nova ola no Nadal.

Ferrol entra no Nadal con menos de 400 casos activos e un na UCI

Te puede interesar