Laura Aneiros presenta a súa primeira novela en Ferrol

Laura Aneiros en el Carbalho Calero
|

A chegada de Laura Aneiros á escrita resulta unha consecuencia lóxica da súa afección pola lectura desde que era unha nena e do desexo de ser quen de plasmar nun libro as súas propias historias. Así naceu “Mi vida en tus manos”, a súa primeira novela, que hoxe mesmo se presenta no Carvalho Calero (ás oito da tarde), nun acto no que tamén participará a concelleira de Igualdade e Xuventude, Verónica Casal.
“Eu son lectora desde moi pequena e chega un punto no que me plantexo por que non podo ser eu quen decida os ires e vires dos protagonistas. Así comecei a plasmar unha idea”, explica.
Esa idea é a de contar a historia dunha muller, Mónica, “que se ve nun círculo vicioso no que o traballo é a súa prioridade absoluta e desatende o plano afectivo”. Aínda que ela é a protagonista, hai outra, coa que ten contacto “paranormal”, cuxa historia vital se vai desenvolvendo á par e que lle servirá de espello para tomar decisións sobre a súa propia vida.
Laura Aneiros mestura un ton realista coa fantasía para buscar a reflexión. Nas súas preferencias literarias, máis que os xéneros, o que lle gusta é que o lector se poida identificar e empatizar cos personaxes e co que lles ocorre. “Gústame cando invitan á reflexión, cando provocan emocións que dan pé a que saques as túas propias conclusións”.
A experiencia de escribir unha novela por primeira vez era “algo totalmente descoñecido para min” pero resultou “moi gratificante”. Laura Aneiros di estar “ilusionada” e tamén “con certo temor” ante a posibilidade de que o texto que compartira con algúns achegados pase agora a estar á disposición de calquera. Edítao con Finis Terrae (especializada en dar un oco ós autores noveis) e, ademais de venderse no acto de hoxe, pasará a estar dispoñible en diversas librerías de Ferrol e tamén en cadeas como Casa del Libro ou a través de internet.
E con “Mi vida en tus manos” a piques de empezar o seu propio camiño, Aneiros, que é profesora de Tecnoloxía e que vive en Ferrol aínda que naceu en Valdoviño, continúa escribindo. “Disfruto podendo dar pé a situacións e vidas diferentes que non teñen nada que ver coa túa”, di. n

Laura Aneiros presenta a súa primeira novela en Ferrol