Os locais de ensaio de Ferrol, canteira musical de talento presente e futuro

Os locais de ensaio de Ferrol, canteira musical de talento presente e futuro
Locais de Ensaio no Mercado

O pasado mes de marzo o cuarteto de rock ferrolán Far Away Place lograba o VIII Certame EISV Music Live, que organiza a Escola de Imaxe e Son de Vigo, unha das citas musicais máis importantes de Galicia para descubrir novas bandas e talentos.
Nos últimos catro anos, desde a súa creación polo Concello de Ferrol en 2010, Far Away Place é un dos novos grupos e solistas que utilizan acotío os locais de ensaio municipais situados nas inmediacións do mercado da Magdalena. Na actualidade este servizo é empregado por 22 bandas e artistas, un total de 80 rapaces de idades que van desde o oito aos 30 anos, tope máximo do seu uso. Son formacións de estilos musicais que van desde o rock en todas as súas variantes ao pop, da música tradicional ao flamenco e do folk á canción de autor.
Os locais de ensaio de Ferrol creáronse ao abeiro  da Rede Galega de Locais de Ensaio para a Xuventude, unha iniciativa que naceu en 2007 da man da Vicepresidencia de Igualdade da Xunta. Tratábase entón de ofrecer á mocidade galega espazos para fomentar o estudo e a produción musical dun xeito gratuíto, así como de crear unha dinámica de intercambio e colaboración entre grupos.

cursos e actuacións  
En Ferrol, desde o ano 2012 a xestión dos locais de ensaio corre a cargo da Escola da Vaca e a súa coordinación e responsabilidade está nans mans de Marta Bueno e Nerea Purriños que definen o perfil dos usuarios: “Hai todo tipo de rapaces pero coinciden nun 100% que é xente moi sa, xa sexan gaiteiros ou músicos de trash metal. Nunca houbo ningún problema e os rapaces son moi responsables cos locais e os equipos. Aínda que todo sexa gratis, e o material caro, a xente o trata como se fora individual”.
O espazo consta de catro locais, un estudio de gravación e un almacén. Cada local ten unha batería, amplificación e pantallas de voz para que os grupos só teñan que levar os seus propios instrumentos, agás a citada batería. A utilización é gratuíta e os artistas só teñen que facer unha solicitude no Rexistro Municipal. Aínda que as concesións xa se deron a comezos deste ano, aínda hai prazas. O uso das instalacións pode chegar a tres días por semana dúas horas cada sesión, e no caso de utilizar os estudios de gravación cóntase cun técnico profesional.
A maiores do uso, as posibilidades dos estudios amplíanse á formación, xa que como salientan as coordinadoras “estamos ante un proxecto global, con cursos de teoría musical, instrumental e vocal de ata 60 horas, e incluso hai posibilidade de contar cun titor para axudar a mellorar creativamente ás bandas”.
Como o resultado final é ofrecerlle a creatividade ao público, tamén hai posibilidades de exhibición. “Como mínimo cada ano fanse un par de concertos para os grupos que o desexen, en locais como o Torrente Ballester ou o Centro Cívico de Caranza. Ademais, cada certo tempo temos unha audiencia fóra dos locais, no túnel cuberto e aberto ao público que queira velo”, contan Marta e Nerea.
Unha das vantaxes dos locais é que están abertos tódolos días, fins de semana incluídos, agás os festivos, con horarios de 17.00 a 22.00 horas por semana, de 16.00 a 22.00 os sábados e os domingos de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 22.00 horas.
A iniciativa conta con Facebook e Tuenti, e os músicos que desexen contactar ou coñecer máis desta iniciativa dispoñen do correo lensaioferrol@gmail.com, a propia web do Concello ou a Escola da Vaca.

Os locais de ensaio de Ferrol, canteira musical de talento presente e futuro

Te puede interesar