Juan Echanove, Lola Herrera e o músico Xoel López, novas propostas para o pazo naronés

Juan Echanove, Lola Herrera e o músico Xoel López, novas propostas para o pazo naronés
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-f1491dbd

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro xunto coa concelleira de Cultura, María del Carmen Espada, deron a coñecer onte a programación do Padroado para os meses de abril e maio. Actrices e actores como Lola Herrera, Juan Echanove e Alberto San Juan e músicos como o galego Xoel López, e o afamado musical Remember Queen forman parte desta nova proposta escénica. As entradas poden adquirirse desde onte mesmo para os abonados ao Pazo e a partir do 28 deste mes poranse á venda para o público xeral, tal e como anunciou a rexedora. Ferreiro destacou a calidade da programación dos meses de abril e maio “entre a que contaremos coa presencia de profesionais do teatro, da música e da danza con propostas para todos os públicos das que animamos a desfrutar nas instalacións do Pazo á cidadanía en xeral”, dixo.

O cómico galego Luís Piedrahíta abrirá a programación do mes de abril no Pazo. Será o día 5 ás 20.30 horas,  co monólogo “Las amígdalas de mis amígdalas son mis amígdalas”. Piedrahíta chega a Narón desta volta da man da compañía Etiqueta Negra cunha posta en escea de case hora e media de duración cargada de humor. O artista coruñés trae este show, centrado nunha filosofía de vida propia, no que se aborda o tema da espera e donde o público cobra un importante papel.

O día 6 de abril chegará a Narón o músico coruñés Xoel López, que a partir das 20.00 horas reivindicará a través de “Sueños y Pan” a importancia de poder soñar e construír un novo espazo. Trátase do terceiro traballo en solitario de López e o décimo cuarto da súa carreira musical. Neste último disco, cun total de dez cancións, combínanse diferentes estilos musicais, froito dunha nova etapa do músico.

O día 12 de abril poderase ver outra proposta destacada, o musical “Remember Queen”, da compañía Tertulia Producción. A partir das 21.00 horas dará comezo este show, que obtivo gran éxito de acollida e que chega a Narón cunha renovada posta en escena, para ofrecer unha especial homenaxe á figura de Freddie Mercury e ao seu legado musical. O público terá a sensación de estar vendo a mítica banda Queen en directo, ao coidarse ao mínimo detalle toda a posta en escena, que recorda á xira do 86, a última con Mercury. 

A primeira representación teatral desta nova programación chegará o 13 de abril coa compañía Teatro del Barrio, que representará a obra Mundo obrero. Entre o elenco están os actores Alberto San Juan, Luis Bermejo, Pilar Gómez e Marta Calvó.
Tamén no mes de abril, o día 14, chegará ao Pazo a compañía Galitoon, que representará a obra de teatro xestual “Facendo o indio”, dirixida ao público familiar e infantil. Este espectáculo conta o modo de vida dos indios americanos e fai un repaso pola cultura desas tribos.

O 27 de abril prosegue a programación coa obra de teatro contemporáneo “Hablar por hablar”, da compañía Pentación, que está inspirada nas historias en primeira persoa de oíntes do programa do mesmo nome na Cadena Ser.

Por outra banda, os actores Juan Echanove e Ricardo Gómez abrirán a programación do mes de maio, o día 3, coa obra “Rojo”, da compañía Teatro Español. Así mesmo, a música voltará o 4 de maio ao Pazo coa banda madrileña Morgan, da que forman parte Paco, Ekain e Nina. 

Seguirá a música o 5 de maio con Udra Producións, que trae ao mesmo escenario o espectáculo “Rock en familia: descubriendo a AC/DC”.  

A actriz Lola Herrera tamén chegará ao Pazo o 11 de maio coa proposta “Cinco horas con Mario”. A historia remóntase a marzo de 1966 e protagonízaa unha muller, Carmen Sotillo, que perde ao seu marido, Mario, dun xeito inesperado. 

O sábado 18 de maio representarase a obra “Commedia”, da compañía Contraproducións.

Por último, o día 25 a compañía Roi Casal protagonizará o espectáculo musical “Son galego, son cubano”, un show con letras de Neira Vilas e coidada posta en escena.

Juan Echanove, Lola Herrera e o músico Xoel López, novas propostas para o pazo naronés

Te puede interesar