Así, ademais do curso xa impartido esta semana sobre a docencia desde a perspectiva de xénero, os días 26 e 27 terán lugar, baixo a organización do Centro de Estudos Feministas e de Xénero (Cexef), as Xornadas Internacionais sobre Prostitución.
O venres 30 terá lugar o acto institucional no salón de actos Concepción Arenal do Campus de Ferrol. Ás 12.00 horas, farase a lectura do manifesto da Rede de Unidades de Igualdade para a Excelencia Universitaria, Ruigeu.
A continuación farase entrega dos premios do VI Concurso de Traballos Académicos con Perspectiva de Xénero “Ángeles Alvariño”.
Finalmente, Carme Adán, filósofa feminista impartirá a conferencia “O patriarcado non acouga. Pensemos o feminicidio”.
Xornadas
As Xornadas Internacionais sobre Prostitución darán comezo o luns no Espazo Normal da Universidade da Coruña e terán continuidade o martes na Facultade de Socioloxía.
O encontro buscar dar resposta, tal e como se informou desde a institución académica, aos interrogantes que rodean este ámbito ofrecendo unha viaxe ao pasado da prostitución, analizando a súa situación actual e advertindo do exercicio doutras prácticas que derivan dela.
Conferencia
O programa será inaugurado polo reitor da UDC, Julio Abalde, ás 17.00 horas. A continuación haberá unha conferencia sobre “A prostitución no século XXI. O modelo sueco” a cargo da escritora, xornalista e activista Kajsa Ekis Ekman.
A xornada rematará coa intervención de Charo Carracedo, abogada e voceira da Plataforma pola Abolición da Prostitución, que falará de políticas públicas para poñer fin a esta actividade.