A comunidade da parroquia de Labacengos, en Moeche, reuniuse onte ao xeito no que se facía de antano para realizar unha das tradicionais tarefas do campo: a esfolla. A décimo cuarta edición da festa organizada un ano máis pola asociación de veciños comezou cun xantar a base de empanada e callos.
Tratábase de coller enerxía para encarar o traballo que quedaba por diante: tirar da plana que envolve os grans do cereal.
Unha tarefa, iso si, que se fixo máis doada grazas á animación musical de Quenindiole. O grupo de folc, formado por rapaces e rapazas da zona de Ferrolterra, ofreceron pezas do repertorio tradicional a través da gaita, metais, acordeón, percusión e as voces das súas cantareiras –a actuación, cedida polo Concello, formou parte do programa da Red Cultural da Deputación da Coruña–.
Durante a actividade houbo espazo tamén para os concusos, concedéndose premios aos que atopasen aos “reis” no medio do traballo, así como un agasallo para o mellor vestido de época.
Cociña venezolana
A programación deseñada para esta ponte festiva en Labacengos continuará hoxe, a partir das 16.30 horas no local social de Abade.
Alí terá lugar unha nova proposta do seu ciclo “Cociñas do mundo”, con pratos típicos doutras culturas. Nesta ocasión, a protagonista será a venezolana. Prazas limitadas.