O teatro Jofre pechou en marzo polo coronavirus. A entrega do premio á Muller do Ano á oftalmóloga Lola Álvarez Díaz, o día 6, foi a última –e multitudinaria– actividade que se desenvolveu neste espazo en 2020. Ata onte. A mala previsión meteorolóxica para levar adiante o festival Jazz de Ría no Cantón fixo que se trasladaran os concertos a este escenario. O Jofre probou así unha ración de "nova normalidade", un ensaio para o que podería ser a vindeira tempada de programación escénica. Hoxe repetirá.
Sobre o escenario, o cuarteto vogal feminino Ejazz e, a continuación, a banda Por Mí, Swing. Ambas as dúas propostas encheron de enerxía o teatro, que hoxe alberga ao Xan Campos Trío, unha achega ao jazz de vangarda moi agardada polos afeccionados a este estilo musical e que de seguro sorprenderá para ben a quen non o coñeza. Horacio García e Borja Barrueta acompáñano nun recital no que, entre outros, interpretará temas do seu disco “Realismo”.
A organización do festival insiste en que se trata dunha iniciativa cultural segura, na que se respectan as distancias e se seguen todas as normas de seguridade. A entrada é gratuíta pero é preciso reservar a través da plataforma.reservas.gal.
A pandemia obrigou a modificar sustancialmente o IV Festival Jazz de Ría, que evitou desprazamentos, polo que non houbo actuacións en Mugardos, e tampouco variacións en Ferrol, agás a obrigada pola chuvia.