Moi intensa se presenta a xornada deste sábado no Concello de San Sadurniño, onde ao longo do día terán lugar diferentes propostas. A primeira delas, enmarcada na programación das Letras Galegas, dará comezo ás 12.00 horas no patio do consistorio, coa actuación musical das escolas municipais para interpretar, entre outras, pezas musicadas baseadas en poemas de Manuel María.
Xa pola tarde, ás 18.00 horas, terá lugar na Casa da Cultura a presentación do documental de Gonzalo Veloso “Cantando a Manuel María”, que permitirá aos asistentes achegarse á figura do poeta da Terra Cha a través dos testemuños de quen o coñeceron de preto.
excursión
Para mañá domingo, a asociación veciñal o Castelo de Narahío propón unha excursión á casa natal do autor en Outeiro de Rei, que incluirá tamén un pequeno percorrido pola beira do Miño e polas espectaculares Penas de Rodas.
O autobús, gratuíto para os socios e cun custe de 10 euros para todas as demais persoas, partirá ás 15.30 hora de Eirexado para iniciar a viaxe.