Juno & Darrel e Marlango, na axenda musical ferrolá

Juno & Darrel e Marlango, na axenda musical ferrolá
Marlango actuará mañá ás 21.00 horas no Teatro Jofre j.c.

A axenda musical desta semana en Ferrol contempla para esta noite, no Torrente Ballester e no marco do ciclo “A Feira dos Xoves”, o concerto de Juno & Darrell, un dúo de músicos e compositores fundado en Madrid e influenciados pola música africana e afroamericana.

Identifícanse cun concepto contemporáneo de espiritualidade, “abrazando sons electrónicos, sintetizadores, pero mantendo elementos máis orgánicos”, apuntan.

Darrell, produtor de orixe exipcia, ten unha longa traxectoria investigando a música de raíz africana, mentres que Juno, cantante de orixe guineana, leva as súas composicións ao eclecticismo e “experimenta coas posibilidades rítmicas da voz”.

Ambos os dous presentan hoxe o seu single Kalimba beat. A cita terá lugar ás 21.00 horas –apertura de portas ás 20.30 horas–. Entradas desde 5 euros.

marlango
Mañá venres será a quenda para o concerto que Marlango ofrecerá, ás 21.00 horas, no Teatro Jofre. A banda capitaneada por Leonor Watling regresa así a terras galegas co seu último traballo, “El porvenir”. Con oito discos ás súas costas e máis de doce anos de traballo, o grupo sabe perfectamente como transformar un directo nun auténtico espectáculo.

Tal e como se informa, aínda quedan entradas á venda para o concerto de mañá, menos da metade do aforo, a partir de 16 euros.

Poden ser compradas na billeteira do Jofre no horario habitual de 11.00 a 13.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas, de luns a venres, e en internet www.ataquilla.com.

Juno & Darrel e Marlango, na axenda musical ferrolá

Te puede interesar