Chelo Loureiro: “En animación hai moito talento, pero non se coida; a xente ten que saír fóra”

Chelo Loureiro: “En animación hai moito talento, pero non se coida; a xente ten que saír fóra”
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-0df1871b

Logo de seis nominacións, Chelo Loureiro xa ten un Goya. A ferrolá, responsable da produtora Abano, acadou a famosa estatuilla como parte do equipo da curtametraxe de animación “Decorado”, dirixida polo coruñés Alberto Vázquez –que tamén se proclamou gañador na categoría de película de animación por “Psiconautas, los niños olvidados”–.
Onte, aínda en Madrid, onde o sabádo pola noite tivo lugar a gala, Loureiro recoñecía sentirse “moi feliz e moi contenta. Sinto unha emoción e unha alegría enorme”, comentou. Sobre todo tendo en conta que, como di, non contaba co galardón.
Iso permitiulle gozar da cita con moita tranquilidade, estado que claramente mudou cando os nomes das dúas pezas de Alberto Vázquez soaron, unha tras outra,  como gañadoras nas súas respectivas categorías.
Ao escoitar o título da segunda, na que ela tomou parte como produtora, “peguei un brinco”, abrazouse ao director e dirixiuse ao escenario para, xa co Goya entre as mans, reivindicar o papel e importancia da animación do cine así como o maxistral traballo dun director que vén de facer historia ao estar nominado nunha mesma edición por dúas pezas feitas no mesmo ano.

recoñecemento
“Unha das cousas que máis nos doen é que a animación non teña o recoñecemento nin a visibilidade que se merece”, comentaba onte Loureiro. Tampouco hai, di, unha aposta clara por parte das institucións a esta técnica cinematográfica que se pon ao servizo da historia que se quere contar. O que non falta, engade, é talento. “Hai moitísimo, pero non se coida. A xente ten que saír. Hai moitos profesionais que teñen que marchar para poder desenvolver os seus proxectos”, situación que se dá tanto a nivel do territorio español como en Galicia.
Concretamente nesta comunidade, a produtora ferrolá lembra o compromiso adquirido hai xa anos pola Xunta de considerar a industria da animación como un sector estratéxico, unha aposta que unicamente quedou sobre o papel.

proxectos
Abano Producións continúa traballando en novos e interesantes proxectos. Así, tal e como salientou Loureiro, xa están a traballar na produción dunha nova longametraxe de Alberto Vázquez, “Unicorn Wars”, que contará con axuda da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
A firma ferrolá, fundada hai unha década por Loureiro,  participou tamén recentemente  na curta de animación “Patchwork”, que fala de importancia da donación de órganos empregando o patchwork como metáfora, así como na película de Manane Rodríguez “Migas de Pan”, seleccionada para os Oscar.

Chelo Loureiro: “En animación hai moito talento, pero non se coida; a xente ten que saír fóra”

Te puede interesar