O alcalde ferrolá di que “a irmandade con Vila do Conde permitirá iniciar proxectos internacionais”

Acto Concello de Ferrol con el de Vila do Conde
|

O achegamento entre Ferrol e Vila do Conde permitirá, en palabras do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, “iniciar proxectos internacionais” beneficiosos para ámbalas dúas urbes. Así o puxo de manifesto no decurso do acto institucional de irmandade entre as dúas cidades  cuxos lazos de unión remóntanse a hai corenta anos pero que agora tentan revitalizarse.
A cerimonia, á que asistiron membros das corporacións das dúas urbes así como personalidades de diferentes estamentos, incluíu o nomeamento da presidenta da Cámara Municipal vilacondesa, María Elisa de Carvalho Ferraz, como Alcaldesa Honoraria de Ferrol. A rexedora lusa amosou a súa satisfacción por un irmanamento que permitirá impulsar as relacións bilaterais co obxectivo de poñer en marcha programas concretos.
O turismo e a cultura centran polo de agora boa parte dos proxectos que se pretenden levar a cabo de xeito conxunto e que xa foron postos sobre a mesa na reunión que o pasado venres mantiveron na cidade representantes dos dous gobernos.
A creación de paquetes turísticos pechados e con prezos especiais para intensificar o intercambio de turistas entre os dous puntos; a promoción dos respectivos produtos en feiras gastronómicas ou o reparto de material informativo de cada una das cidades nas oficinas de turismo son algunhas das accións con intención de pór en marcha.

intercambios
A realización de intercambios culturais a través de actuacións musicais, de teatro ou mesmo exposicións figuran tamén na folla de ruta que pretenden impulsar as dúas cidades.
“Hai unha aposta polo turismo moi importante entre as dúas cidades, co compromiso de programas de colaboración conxuntos, mais tamén hai outros proxectos culturais, xa que non hai que olvidarse do xermolo cultural que ten esta visita e polo tanto prantexamos actuacións culturais que imos compartir”, comentaba onte Rey Varela.
Tanto o rexedor local como a representante de Vila do Conde manifestaron o seu desexo de que esta unión continúe, polo menos, outros corenta anos.

programa
O acto de irmandade formou parte do programa institucional que o Concello de Ferrol adicou onte á festividade de San Ramón e que incluíu, ademais da tradicional ofrenda floral ao Marqués de Amboaxe, unha misa na concatedral de San Xiao.

O alcalde ferrolá di que “a irmandade con Vila do Conde permitirá iniciar proxectos internacionais”