Bernardo Máiz recupera a memoria do Seixo como un lugar con historia de seu

Bernardo Máiz recupera a memoria do Seixo como un lugar con historia de seu
Diario de Ferrol-2015-08-05-013-f9856ed0_1

“Ante todo era unha obriga que eu tiña coa miña propia pequeña patria, falar deste lugar da ría con tanta conciencia de seu”. As palabras do historiador Bernardo Máiz van dirixidas á localidade mugardesa do Seixo, centro do seu novo libro que presenta mañá, ás 20.30 horas, na Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega acompañado polo expresidente da entidade, Jorge Gómez, e polo tamén historiador Guillermo Llorca. 
En “O Seixo. Na outra banda da banda de Ferrol 1730-1930” (Edicións Embora) aborda Máiz con singular fortuna a análise dun pobo peculiar ao longo de dous séculos, un lugar marcado a lume no seu devir polo tránsito marítimo cara Ferrol desde terra. Os camiños, o modo de habitar a terra, a economía, os oficios, a educación, as reivindicacións, o asociacionismo ou o seu singular carácter son varios dos puntos que Bernardo Máiz debulla neste libro que fica como un exemplo de historia local con rigor. A iso tamén axudan as fotografías, mapas, textos ou recortes de prensa cos que o autor salfere un traballo destinado a perdurar.
Nos preparativos da presentación anda Máiz mentres a conversa nos leva tres séculos atrás. “O bo do Seixo cando un decide facer a súa historia é a inmensa cantidade de información que figura sobre ela, superior incluso a doutras vilas da época tan importantes como Neda. Ao abeiro da incorporación de Ferrol pola Coroa en 1726 como capital marítima do noroeste peninsular e, posteriormente, coa creación dos arsenais e o Estaleiro Real ese arrueiro de catro casas vai medrando ao longo dun quilómetro de casas aos dous lados. Un proceso histórico que ten moito que contar”. 
En canto ao ámbito no que remata o estudo, 1930, Máiz conta: “esa data púxena por dous motivos. Por unha banda porque o crack do 29 afectou a moita xente de aquí, que tivo que regresar desde Cuba, e por outra a escala local que se abreu a panadería Iglesias, que segue a existir, e entramos noutra fase. De todos modos tamén parei aí porque a finais de ano sairá un traballo sobre a historia de Amada García e aproveito para falar da II República e dos comezos do franquismo no Seixo”.

carácter
Ademais do aspecto económico e da relación con Ferrol, o historiador céntrase en elementos da idiosincrasia local que os diferencian da súa contorna. 
“O asociacionismo é clave nesta historia. A mediados do século XVIII fíxose un cruceiro hacia Franza ofrecido por todos os veciños. Pero é que a finais do século XIX aquí xa había médico, a comezos do XX farmacia, correos –cun código postal diferente ao de Mugardos–, cuartel de carabineiros, etc. No carácter tamén había e hai características propias como un cosmopolitismo, para algúns un ‘señoritismo’, que ten moito que ver cun contacto co mar, que dá forma a un sentido da identidade. De todos modos hai dúas características claras na vila: por unha banda está o elevado número de xente que tivo unha cualificación superior, seguro que a proximidade con Ferrol non é alleo a isto, o que tamén se traducía nunha especial educación. Por outra, o número de mulleres que desde sempre participaron na actividade social. Por exemplo, na fundación da Sociedade da Paisaxe Galega, en 1927”.

sobre o topónimo
Bernardo Máiz, que antes da presentación de mañá proxectará 199 diapositivas con imaxes cedidas polos veciños, destaca tamén un aspecto clave dela: o seu topónimo: “A palabra seixo deriva do latín ‘saxum’, unha rocha de material duro, un croio de cuarzo branco, un pelouro. En portugués é ‘seixo’, en francés, ‘caillou’, ‘pebble’ en inglés, mentres que en español sería ‘guijarro’, ‘pedernal’ ou ‘cuarzo’. A palabra ‘seijo’ non significa nada en ningún idioma, e o uso de semellante vocablo só é manifestación dun ‘jejeo’ castrapento na fala e unha aberrante falta de ortografía na escrita. Ese seixo que nos deu nome precedido dun artigo masculino e con maiúscula dá conta de que había un, grande e senlleiro: O Seixo”.

Bernardo Máiz recupera a memoria do Seixo como un lugar con historia de seu

Te puede interesar