Os actos da Pena Molexa comezan cunha conferencia

Os actos da Pena Molexa comezan cunha conferencia
Copia de Diario de Ferrol-2014-05-30-018-4922f18c

A recreación das lendas da Pena Molexa, na parroquia naronesa do Val, será o sábado 21 de xuño no castro de Vilasuso. Pero esta festa prepárase con anterioridade e haberá actividades xa o venres da vindeira semana. Ese día, ás 18.30 horas, celébrase unha charla-coloquio na capela de Santa Margarida a cargo do técnico do Padroado de Cultura Daniel Cánovas. O título da súa intervención é “Santa Margarida, memoria viva do Val”. Despois haberá un concerto a cargo dos alumnos da escola municipal de zanfona.
A seguinte proposta será o xoves 12 de xuño, a partir das 22.30 horas. Entón comezará unha andaina nocturna desde o convento de Baltar ata a Pena Molexa. Percorrerán esta distancia con fachos de lume e descubrindo ó seu paso o patrimonio arqueolóxico da zona.
A recreación das lendas da Pena Molexa, vencelladas con fados e mouros, será o sábado 21 de xuño, coincidindo coa chegada do verán e o solsticio, coa noite máis curta do ano. No lugar de Vilasuso haberá xogos populares desde as 17.30 horas. Carreiras de saco, tiro de corda e cortado de troncos serán algunhas das propostas desta tarde de deporte rural, que terá continuidade ás 20.30 horas coa actuación do grupo de gaitas do Padroado de Cultura do Concello de Narón. Para coller forzas haberá unha churrascada a partir das nove e música folk a cargo de Chiculate desde as 22.30.
A representación das lendas, a cargo do grupo de teatro de maiores do Val e dos veciños da parroquia, comezará a medianoite. Despois prenderase unha gran lumeirada e actuará o dúo Boreal.

concurso fotográfico
A AVV Irmandiños do Val e a Fundación Terra de Trasancos, xunto co Concello de Narón, organizan ademais un concurso fotográfico que chega este ano á súa segunda edición. As imaxes deben mostrar a riqueza da parroquia desde o punto de vista do patrimonio arquitectónico, arqueolóxico e natural, ou a través das súas festas e traballos. O prazo de entrega finalizará o vindeiro 16 de xuño.

Os actos da Pena Molexa comezan cunha conferencia

Te puede interesar