A Consellería do Medio Rural xa fixo efectivo o anticipo do 50% dos fondos da orde de axudas para o fomento das razas autóctonas galegas. Deste xeito, os beneficiarios cobrarán un adianto destas subvencións autonómicas co fin de facilitarlles o desenvolvemento das súas actividades.
A liña de achegas que Medio Rural aprobou para este ano está dotada cun total de 200.000 euros, un 19 por cento máis que na pasada convocatoria. Entre os obxectivos que persegue o departamento dirixido por Ángeles Vázquez está o de conservar estas razas entre a cabana gandeira de Galicia, xa que o Goberno considera que son un recurso xenético fundamental na preservación de ecosistemas e pastos. Estas achegas supoñen tamén unha ferramenta útil para a fixación da poboación no medio rural, pois incrementa a calidade, a competitividade e o valor engadido dos produtos.
Gastos subvencionables
Organización e asociacións de criadores das razas autóctonas galegas recoñecidas oficialmente para a xestión do Libro Xenealóxico destas especies serán os beneficiarios destas subvencións.
Con elas poderán cubrir os gastos da creación e mantemento de libros xenealóxicos, do local ou oficinas, ordenadores e material informático. Tamén son subvencionables os gastos derivados do desenvolvemento do programa de mellora para a raza, no que se recollen as actividades destinadas a súa conservación, así como a creación e mantemento de bancos de xermoplasma en centros autorizados e as probas para determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando. l