Ferrol organizará a XXXI edición do Premio Blanco Amor de novela longa

Ferrol organizará  a XXXI edición do Premio Blanco Amor de novela longa
imaxe de ignacio vidal recibindo en fene o último galardón celebrado

Ao Premio Blanco Amor de novela longa gústalle Ferrolterra. Se o pasado ano o Concello de Fene foi o encargado de organizar a súa XXX edición, Ferrol tomaralle o relevo neste 2013 como un dos 52 municipios participantes nesta iniciativa cultural. A comisión informativa de Cultura aprobou onte as bases deste prestixioso certame dotado con 12.020 euros e, xunto co Xerais, un dos máis importantes de novela en galego e dos que se celebran en Galicia.

 

novas bases

As bases do certame literario aprobado onte indican que poderán participar nel todos os autores e autoras, de calquera nacionalidade, que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega segundo a normativa oficial. As obras terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (tamaño de fonte 12) a unha soa cara e a dous espazos ou de 75 folios mecanografados ou escritos en ordenador (tamaño de fonte 12) a dúas caras e a dous espazos.

Ademais de seren inéditas, de cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite dirixido á Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, Praza de Armas, s/n, 15402, Ferrol, facendo constar no exterior “Para o XXXI Premio Blanco Amor”. Nun sobre anexo, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e enderezo do autor ou autora, a súa confirmación de seres inédita e non teres sido recoñecida e, se é posible, o seu teléfono e enderezo electrónico.

O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 15 de xuño de 2013. O ditame do xurado darase a coñecer no mes de setembro de 2013. Os responsables do certame, nomeado nesta convocatoria polo Concello de Ferrol, estará composto por cinco membros (presidente e catro vogais)de traxectoria acreditada no ámbito da cultura galega. O premio poderase declarar deserto, de non existiren obras de calidade adecuada. Neste caso, o importe destinarase a divulgar a obra de Eduardo Blanco Amor entre as escolas e os centros culturais de Galicia.

O xurado fará públicas as razóns en que se fundou para a concesión do premio. A concesión do mesmo non implicará cesión dos dereitos de propiedade sobre a obra galardonada. As obras non premiadas devolveranse aos autores que o soliciten, no prazo dun mes, contando desde o día do veredito. Os gastos de devolución serán por conta dos autores. En caso de non recollerse dentro deste prazo, os orixinais serán destruídos.

Finalmente, a entrega do certame literario celebrarase ao longo do mes de novembro de 2013, nun acto público que se convocará oportunamente.

 

nómina de autores

O premio Blanco Amor é desde que o gañara Daniel Cortezón en 1981 con “A vila sulagada” canteira de futuros narradores e consolidación de voces xa coñecidas dentro da literatura galega. Vítor Freixanes, Fran Alonso, Ramón Caride, Suso de Toro, Xavier Alcalá, Sechu Sende, Inma López Silva, Cid Cabido, Úrsula Heinze ou Luís Rei Núñez, entre moitos outros, son algúns dos que obtiveron o galardón. O último desta ilustre lista foi Ignacio Vidal Portabales que o acadou en Fene hai un par de meses pola novela “Dióxenes en Dolorida”, aínda por publicar.

Ferrol organizará a XXXI edición do Premio Blanco Amor de novela longa

Te puede interesar