A campaña de extracción da nécora conclúe con menos vendas e menor prezo que 2011

A campaña de extracción da nécora, que, canda a do conguito e o patulate, comezou o pasado 1 de xullo, concluíu logo de seis meses de extracción con peores cifras que o ano anterior.

Así, na lonxa da confraría de pescadores e mariscadores de Ferrol, en Curuxeiras, vendéronse perto de 1.300 quilos deste crustáceo, polas 1,4 toneladas do último semestre de 2011. Tampouco a cotización do marisco foi mellor ca do exercicio anterior; así, o prezo medio do quilo situouse en 11,43 euros, con oscilacións que foron entre os catro euros e os 25. O ano precedente, a media alcanzou os 12,24, con picos de ata 35 euros o quilo.

Tamén finalizou a captura de conguito e patulate, que abriu o mesmo periodo

O valor da nécora na lonxa da cidade naval vén descendendo consecutivamente desde o ano 2007. Daquela pasou, de media, a máis de 19 euros.

En canto aos ingresos, a venda deste crustáceo xerou uns ingresos totais de 14.700 euros, polos 17.000 do ano 2011 e os 35.000 de 2008.

 

centola

Tampouco a centola, que aínda pode extraerse ata o 31 de maio, fixo un bo mes de decembro. De feito, é o peor dos últimos cinco anos, non só no referido á extracción –menos de 800 quilos, polos 2.500 de 2011 ou os 5.500 de 2008–, senón tamén á súa cotización, pois, malia ser pouca cantidade, o prezo non superou os nove euros, mentres que hai un ano por esas mesmas datas estaba case 2,50 euros por riba.

A veda da centola modificouse no plan de explotación de 2012 para se adaptar un pouco más ás necesidades dos armadores e á realidade do mercado. Así, prohibiuse a extracción nos meses de verán, que si se autorizara o exercicio anterior, ao constatarse que nesa época do ano capturábase a de menor tamaño ou exemplares que aínda non ovaran.

De todos os xeitos, hai mariscadores que seguen sen estar conformes con ese calendario e consideran que todavía hai moita marxe para mellorar non só a xestión do recurso senón tamén a súa comercialización. Hai que lembrar, por exemplo, que a veda na costa lucense esténdese ata o primeiro día de decembro, mentres que no litoral da Coruña e Pontevedra principia un mes antes, por decisión maioritaria do propio sector. Iso, explican os afectados, deprecia o marisco na época de Nadal.

A campaña de extracción da nécora conclúe con menos vendas e menor prezo que 2011

Te puede interesar