Veciños de A Capela voltan a vista atrás ata 1942 escenificando acontecementos propios da época

Veciños de A Capela voltan a vista atrás  ata 1942 escenificando acontecementos propios da época

“A memoria non é só nostalxia, é, sobre todo, coñecemento. Coñecendo o noso pasado poderemos entender o presente e construir o noso futuro”. Con esta premisa celebrouse por segundo ano consecutivo unha nova edición do roteiro dramatizado “Tal como éramos.1942”, organizado polo Museo Etnográfico de A Capela.
Ao redor de 60 veciños de diferentes idades, vinte máis que o ano pasado, fixeron onte de actores e actrices para os centos de visitantes que participaron na actividade coa intención de coñecer un pouco máis o seu pasado. Divididos en varios grupos e en dúas sesións –ás dez da mañá e ás catro da tarde–, familias enteiras percorreron diferentes escenarios facendo 14 paradas onde se escenificaban situacións propias da época.
“A historia partiu do morto que aparecía ao final do roteiro do ano pasado e a celebración do seu cabodano. Uns membros da policía armada van chamar á casa do cura para pedir unha lista para “depurar” xente. Ademáis, tamén tivemos unha escena sobre mozos moceando que, ao ser en verso, como o resto dos guions, quedou moi bonita”, indicou un dos organizadores do evento, Secundino García.
Fancendo fincapé en determinados procesos levados a cabo polo réxime franquista a partir do golpe de Estado do 36, no roteiro non faltaron referencias á depuración do maxisterio ou purga militar sucedida entre 1940 e 1945 para desmantelar a obra educativa republicana. Dito feito escenificouse a través dunha escena representada na escola que versou sobre a sanción a unha mestra. 
Outra das historia creadas polo Museo foi a dun antigo músico escapado na Fraga que volveu, por uns minutos, reencontrarse coa súa antiga banda, a cal non ensaiaba dende o 36, para facer memoria a través da música. 
Na xornada tampouco puideron faltar escenas constumbristas como mulleres lavando a roupa no pilón, un labrego segando a herba cunha gadaña ou a típica escena galega de dous veciños discutindo polo movemento dos marcos das leiras.
Os particulares figurantes por un día ensaiaron o guion dende o mes de abril polo que á hora da verdade non houbo nervos que valesen e mesmo había algún que o narrou dende a súa propia experiencia.
Como en calquera romería galega que se preste, a música estivo presente na xornada de onte da man de Vai Rañala Meu. Agora A Capela xa ten a mente posta no ano que ven, o 1943. l

Veciños de A Capela voltan a vista atrás ata 1942 escenificando acontecementos propios da época

Te puede interesar