Música e olimpíadas no gran día do FestiVal

|

O FestiVal, primeiro festival agro-folk do Val, en Narón, vive hoxe a súa xornada central con actividades desde as dez da mañá e cun concerto pola noite no que actuarán Os Cempés, Alén de Ancos e Chiculate.
As actividades desta nova cita cultural, en Vilacornelle, comezaron xa onte, cun itinerario para escolares polos luthiers, a exposición de traxe tradicional e os obradoiros. Xa hoxe, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, haberá cursos de reglaxe de zanfona e construción de palletas, a cargo de César Loureiro e Miguel Mosquera. De 11.00 a 20.00 estará aberto o mercadiño artesán e entréganse as cestas para o concurso de produtos da horta, con premios de 150, 100 e 50 euros para os tres primeiros clasificados. A entrega será ás 18.00 horas. A sesión vermú con Vai Rañala Meu! precederá ó xantar popular e, xa pola tarde, ademais dos obradoiros, celebraranse as agro olimpiadas. Consisten en xogos tradicionais galegos e en deporte rural, con equipos mixtos dun mínimo de catro compoñentes, en categorías infantil e adultos.
Os grupos de música e de danza do Padroado de Cultura de Narón prenderán a música ás nove da noite, para dar paso despois a Os Cempés, Alén de Ancos e Chiculate.
Tamén mañá domingo continuará o FestiVal, organizado por Zarabanda e Vai Rañala Meu!. Será co curso de construción de palletas, que se desenvolverá entre as dez da mañá e as oito da tarde. n

Música e olimpíadas no gran día do FestiVal