O pleno de Ares esixe unha solución para Megasa

O pleno de Ares esixe unha solución para Megasa
traballadores de megasa asistiron ao pleno aresano

O pleno da corporación do Concello de Ares aprobou onte unha moción presentada polo grupo socialista en demanda dunha solución urxente para a fábrica de Megasa, afectada por unha orde ministerial do goberno do PP que beneficia á competencia directa da siderúrxica naronesa.
O documento, polo que se insta á Xunta a artellar os mecanismos necesarios para que o Ministerio de Industria modifique a devandita orde, contou co respaldo de todos os grupos do Concello de Ares.
O alcalde do municipio, o socialista Julio Iglesias, mantivo onte, antes da celebración do pleno, unha xuntanza cos representantes dos traballadores, aos que amosou o seu apoio. O rexedor asegurou que a orde ministerial “pode modificarse dun día para outro, posto que coa súa publicación no BOE xa  é suficiente” e salientou que o da empresa naronesa é un problema xeral e do conxunto dunha comarca especialmente castigada polo desemprego e as políticas do Partido Popular. “Todos imos loitar con vós para acadar as vosas reivindicacións”, engadiu.

traballadores
O presidente do comité de empresa de Megasa, Carlos Bascoy, dirixiuse aos políticos antes do debate da moción para reclamar do PP –ao que responsabilizan da grave problemática que a empresa está a sufrir e que de non mudar a situación obrigaríaa ao peche antes de que remate o ano– o compromiso de trasladar o sentir do conxunto dos traballadores.
“Megasa necesita unha solución de carácter urxente e non hai movementos, unicamente recibimos boas palabras”, lamentou. Así mesmo, asegurou que a reforma enerxética aprobada polo Consello de Ministros a pasada semana non resolve a situación da siderúrxica naronesa.

O pleno de Ares esixe unha solución para Megasa

Te puede interesar