Guadi Galego | “Os temas de ‘Bola de cristal’ falan un pouco do mundo que me gustaría ver nun futuro”

Guadi Galego | “Os temas de ‘Bola de cristal’ falan un pouco do mundo que me gustaría ver nun futuro”

Entre varios mundos, o de “Lúas de outubro e agosto” (2014), “O mundo está parado” (2016) e agora “A bola de cristal” leva viaxando Guadi Galego nos últimos anos. Os seus tres discos máis recentes compoñen unha “triloxía” coa que a artista cedeiresa pechará un ciclo que para ela supuxo “unha inmersión directa nun mundo totalmente distinto no que tomei conciencia e consciencia dun montón de cousas que ata agora non tiña tomado por estar noutro vida distinta”, comenta.
Unha etapa que comezou “co disco que fago entre que nacen os meus dous fillos, o primeiro e a segunda, ese mundo máis da ensoñación, que te evade un pouco máis do mundo real”, di, para continuar con “O mundo está parado”, que é “o topetazo co mundo real, coa incoherencia”, arredor do que a compositora reflexionou nun traballo máis introspectivo pero ao que tanto o público como a crítica respondeu “moi ben”.
Novo EP
Agora chega “A bola de cristal”, que é “o mundo que me gustaría ver no futuro, ese sen fronteiras mentais, sociais nin de clase”, comenta.
Nesta dimensión sitúanse os temas como “Fronteiras” ou “Recoñecéndome –dous dos cinco que o integran–, publicados xa en redes cun gran éxito entre o público –a segunda canción recibiu 50.000 visitas nunha semana–.
Todos poderán ser escoitados este venres en Ferrol no que será o primeiro concerto da compositora cedeiresa no Teatro Jofre de Ferrol.
“Era a miña asignatura pendente; prodúceme moita emoción e faime moita ilusión. Teño o recordo de cando era pequena de pasar moitos días por diante deste teatro, e lle teño respecto”, salienta.
No escenario estará acompañada por outros once músicos xunto aos cales ofrecerá un espectáculo “moi enérxico e con moita emoción, enerxía e alegría”.
Co fin de xira de “O mundo está parado” e a presentación de “Bola de cristal”, cuxas actuacións se prolongarán ata outubro, pecharase este ciclo “e non sei cando abrirei outro distinto”, apunta.

Tempo
“No seguinte tócame, se cadra, tomar as rendas de todo o meu traballo a nivel conceptual e musical e botarme a andar un pouquiño máis, pero para iso preciso un pouco de tempo e saber por donde quero ir”, engade.
Aínda que un pouco máis pop que o anterior, “Bola de cristal” é un disco “continuista”, polo que agora “si é certo que preciso unha parada técnica e non sei se reiniciarme noutra batalla diferente”.
Antes diso, e durante os vindeiros meses, o público seguirá tendo oportunidade de gozar das letras e música dos seus dous últimos traballos.
De “O mundo está parado” destaca que a pesar de ser un traballo un pouco máis íntimo e máis reflexivo, que ás veces poder ser un pouco máis ingrato para o público sobre todo en canto a letras, gustou moitísimo e vendeuse e funcionou moi ben.
E mentres encara o peche desta triloxía baseada no mundo, segue mirando, a través da súa bola de cristal, cara ese mundo que lle gustaría vivir, ese “que nos permita acadar a máxima liberdade sen invadir as liberdades dos do lado, a máxima coherencia e a máxima harmonía”. l

Guadi Galego | “Os temas de ‘Bola de cristal’ falan un pouco do mundo que me gustaría ver nun futuro”

Te puede interesar