Lola Herrera, Mofa & Befa, Dani Mateo, o CDG ou o Mago Antón visitan Narón entre abril e maio

Diario de Ferrol-2015-03-28-027-5c8a46f9
|

O próximo día 11 de abril o Centro Dramático Galego (CDG) abre a programación bimestral do Pazo da Cultura de Narón co drama de Abel Neves “Xardín suspenso” baixo a dirección de Cándido Pazó, con Melania Cruz, Luisa Merelas e César Cambeiro. O ton da proposta, tamén teatral,  cambia o 18 coa comedia “El nombre”, que protagonizan os populares Amparo Larrañaga, Antonio Molero  e Kira Miró. Posteriormente o xénero do monólogo cómico a cargo de populares estrelas de televisión regresa a Narón da man do copresentador de “El intermedio” Dani Mateo. Será  o sábado 25

No mes de maio a programación naronesa ábrese coa obra “En el estanque dorado”. Drama e risa únense nesta obra de Ernest Thompson dirixida por Magüi Mira e protagonizada por Lola Herrera e Héctor Alterio que o público poderá ver o día 9. O musical infantil tamén é unha das apostas do Padroado de Cultura coa representación da obra “Os tres porquiños”, un conto clásico dirixido a todas as idades a través da compañía Educa Teatro Producións que pon en escena o domingo 10.

"Bobas & galegas"

O popular dúo Mofa & Befa, Evaristo Calvo e Vítor Mosqueira, traen a Narón o día 16 unha nova comedia intelixente co texto “Bobas e galegas”, unha proposta do Festival de Almagro coa que os humoristas revisitan a imaxe dos galegos nos textos do teatro do século de ouro español.

O mago Antón, unha das figuras galegas do ilusionismo, estará o domingo 17 de maio co seu espectáculo “Onde está o mago Antón?”. Hora e media de humor e ilusionismo para o público familiar onde haberá aparicións, desaparicións, levitacións, mentalismo, manipulacións e cartomaxia, nun regreso do mago aos espectáculos de gran formato.

A programación do mes de maio no Pazo da Cultura de Narón complétase o día 23 coa obra de teatro “Cancún”, unha comedia de Jordi Galcerán que protagoniza María Barranco sobre a historia de dúas parellas que marchan de vacacións e no medio da diversión agroman as situacións tensas.

Lola Herrera, Mofa & Befa, Dani Mateo, o CDG ou o Mago Antón visitan Narón entre abril e maio