Algo máis de 120 escolares de centros educativos de Narón, Noruega, Finlandia, Turquía e Portugal asistiron onte á primeira edición do Congreso Internacional On your bike! sobre seguridad vial que tivo lugar no café-teatro do Pazo da Cultura.
“Poderemos coñecer un pouco máis o traballo que realizades en materia de educación viaria nos vosos centros, compartíndoo con nós, e tamén ver o que nestes últimos anos se avanzou en Narón nesta área” , indicou a alcaldesa, Marián Ferreiro ao comezo do acto ao que tamén acudiu persoal docente e do Centro de Formación e Recursos (CFR) de Ferrol a través do que Narón participa no programa “On your bike!”. Ferreiro lembrou tamén algúns dos últimos programas e iniciativas impulsados desde o Concello como os Camiños Escolares Seguros, os circuitos de educación viaria, os tapices educativos ou o programa Bica e Arrinca que dende esta mesma semana xa está implantado en todos os colexios da zona urbana.
No acto tamén tomaron a palabra os integrantes do equipo de Educación Viaria de Narón, Pedro Caneiro e Sonia López, que resumiron o traballo que se leva realizando na cidade nos últimos doce anos para, a continuación, proxectar un vídeo con parte das actividades dos últimos anos nos centros educativos de Narón. O alumnado de Finlandia e Noruega e tras el, o de Portugal e Turquía presentaron tamén os seus correspondentes traballos
O programa europeo “On your bike!” continúa hoxe cunha visita dos participantes ao CEIP Plurilingüe Ponte de Xuvia onde se amosarán comidas e vestimentas propias de cada país participante neste programa europeo e realizarán un percorrido en bicicleta polo paseo marítimo de Xuvia ate o estanque de mareas situado en Neda.