A melloría do tempo favoreceu o arranque da Feira das Letras de Narón na praza da Gándara. A actividade contou coa inauguración do alcalde Xosé Manuel Blanco e o concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar, entre outras autoridades. Catro librerías do municipio, DAY, Cousas, Galicia e Breogán, contan cada unha co seu propio stand, habendo unha carpa para as actividades programadas. Onte estas foron unha actuación do dramaturgo e actor Cándido Pazó, e posteriormente presentouse o poemario “A ansia do lóstrego” (Follas Novas), un duro alegato ecoloxista a cargo da escritora Medos Romero.
programación
A actividade de hoxe comeza a partir das 12.00 horas coa contacontos Paula Merlán e o seu espectáculo “Esto no es una fábrica de sonrisas”. Ás 19.00 horas presentarase o libro “Contos de Trasancos”, por parte da concelleira de Turismo de Narón, María Rodríguez Porto. Ás 19.30 horas haberá un concerto infantil co grupo musical Palitroke e o espectáculo “Patente de corso”, baseado no libro homónimo que foi Premio Neira Vilas de Poesía Infantil no ano 2011.
O programa continúa o domingo 23 ás 12.00 horas cun concerto da Xove Banda de Narón. Posteriormente, ao redor das 13.00 horas, presentarase o libro “Donde Europa comienza” (Edicións Embora) de Ramón Loureiro. Xa pola tarde, a compañía de Teatro Ghazafelhos estará na praza da Gándara ás 18.00 horas para representar o espectáculo “O país dos mandóns”, sobre os títulos da colección infantil “A igualdade conta”.
Así mesmo, haberá sinatura de libros a cargo dos autores participantes como Anabel Bello Platas, Antonio Seijas e Paula Merlán.