A Primavera das Letras da RAG réndese á vida e obra do ferrolán Carvalho Calero

A Primavera das Letras da RAG réndese á vida e obra do ferrolán Carvalho Calero

Foi poeta e narrador; ensaísta e dramaturgo; voraz lector. Nunca chegou a se converter en mariño, como imaxinaba de mozo, pero si acadou, porén, capitanear “o buque máis grande das nosas letras”. Foi o primeiro catedrático universitario de Lingüística e Literatura Galega da historia; o que de neno daba acubillo ás pitas para protexelas da choiva; un firme defensor da lingua e cultura galegas e, sen dúbida, un referente e figura indispensable para coñecer a historia da nosa lingua e literatura no século XX.

Logo de varios intentos frustrados, este 2020 é, ao fin, o ano de Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990). A el se lle dedicará o Día das Letras Galegas, mais as actividades arredor da súa figura non terán que agardar ata o vindeiro 17 de maio.

A Real Academia Galega celebrou precisamente onte a súa primeira homenaxe do ano. Fíxoo en Ferrol, concretamente no CEIP Cruceiro de Canido, onde deu o pistoletazo de saída á quinta edición do proxecto A Primavera das Letras.

Espazo na rede

A iniciativa, que fornece aos nenos e nenas de Infantil e Primaria de material lúdico e didáctico arredor da figura homenaxeada cada 17 de maio –iniciouse en 2016 con Manuel María– permitirá á comunidade educativa galega navegar pola vida e obra do protagonista deste ano.

Así, a través deste espazo na Rede (primaveradasletras.gal), de acceso libre, ofrécense materiais como fichas descargables, interactivas e outros recursos que permiten facer un percorrido pola súa biografía, a súa obra como creador e mesmo convidan a saber máis sobre a súa cidade natal, Ferrol. As propostas permitirán ao alumnado xogar e aprender, sen necesidade de conexión a Internet, “relacionando o universo vital e intelectual de Ricardo Carvalho Calero con distintos aspectos do currículo escolar”. A web enriquecerase nas vindeiras semanas con novos recursos sobre a poesía do autor, a cidade de Lugo, onde viviu quince anos, ou a lusofonía. O proxecto complétase cunha nova edición do concurso escolar “Contádenos o voso Día das Letras”, que un ano máis premiará as mellores propostas dos centros educativos arredor do 17 de maio.

O acto de onte no CEIP Cruceiro de Canido foi conducido pola directora do mesmo, Concepción Requejo, que subliñou o estreito vínculo do homenaxeado con Ferrol e o seu compromiso coa dignificación do idioma e a cultura galegas.

Intervencións

O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, salientou a escolla de Ferrol, “primeira patria de Carballo Calero”, como punto de partida da Primavera das Letras, iniciativa, dixo, “que incorpora as novas tecnoloxías ao coñecemento da lingua, da literatura, e neste caso, dunha das grandes figuras das letras do século XX”. Salientou ademais o especial interese da RAG en que os nenos e as nenas participen na celebración dun xeito “activo, lúdico e didáctico”, poñendo ao mesmo tempo en valor o traballo dos docentes neste obxectivo.

A académica Fina Casalderrey subliñou a importancia de manter un estreito vínculo coa xente nova, nos que reside, asegurou, “a verdadeira primavera para a nosa lingua e a nosa cultura”.

Tamén interviu no acto o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, que animou aos estudantes de Ferrol a falar galego, pois “é algo noso e nos fai diferentes”, dixo. O rexedor estivo acompañado polo concelleiro de Cultura, Antonio Golpe.

Finalmente, tomaron o protagonismo un grupo de escolares de 5º e 6º curso para trazar un percorrido pola biografía do autor, recitar versos da súa autoría e fragmentos da súa primeira novela “A xente da Barreira”, así coma ofrecer unha representación teatral do seu conto “As pitas baixo a choiva”.

A Primavera das Letras da RAG réndese á vida e obra do ferrolán Carvalho Calero

Te puede interesar