A segunda edición do curso “Educando para a sustentabilidade” organizado pola Universidade da Coruña e a Fundación Alcoa extende este ano as súas actividades ao campus de Ferrol, onde onte tivo lugar a primeira das actividades a desenvolver no que queda de mes en diferentes centros.
Así, a Facultade de Humanidades de Esteiro acolleu un obradoiro centrado nunha “Ecoauditoría da auga no fogar e nos centros de ensino”, no que tomaron parte unhas once persoas –para participar foi necesaria inscripción previa xa que as prazas estaban limitadas–.
O director da Oficina de Medio Ambiente da UDC, o catedrático de Enxeñaría Química Manuel Soto, foi o encargado de impartir unha actividade que contou cunha primeira parte teórica para a continuación realizar as medicións na propia facultade.
Os obradoiros continuarán mañá mércores, entre as 16.00 e 19.00 horas, no Centro de Investigacións Tecnolóxicas de Esteiro, concretamente no Laboratorio de Plásticos. Alí desenvolverase un taller de reciclaxe e reutilización de materiais plásticos.
Neste caso, a elevada demanda de participación motivou á organización a propoñer, co respaldo dos docentes implicados, varias quendas.
Conferencias
Logo destas actividades, o programa continuará este venres cunha conferencia a cargo da catedrática da Universitat Jaume I, María del Rosario Vidal Nadal, que impartirá a charla titulada “Ecodeseño con plásticos”. A cita terá lugar ás 11.00 horas na Escola Universitaria de Deseño Industrial e, como toda as demais, estará aberta a todas as persoas interesadas.
O luns 25, desta volta na Facultade de Humanidades, contarase coa participación da presidenta da Asociación Valenciana de Educación Ambiental y Desarrollo Sostenible (Aveads), Ángels Ull, que abordará na súa intervención “O papel da Educación Superior no Desenvolvemento Sustentable e ODS 2030”.
Pechará o ciclo de conferencias o presidente da Asociación para la Sostenibilidad y Progreso de las Sociedades (Asyps), Luis Jiménez, que centrará o seu discurso na “Sustentabilidade e xacementos de emprego verde”. Será o xoves, 28 de febreiro, na Facultade de Ciencias do Traballo.
Obxectivos
O curso “Educando para a sustentabilidade” no que se enmarcan estas propostas ten entre os seus obxectivos “avanzarmos na formación da comunidade universitaria e da cidadanía nos conceptos básicos da sustentabilidade ambiental e social e desenvolver a súa capacidade para actuar naquelas cuestións hoxe prioritarias”, tal e como se informa desde a Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña.
Este é un servizo dependente da Vicerreitoría de Economía, Infraestruturas e Sustentabilidade que busca, entre outras cousas, a sensibilización ambiental.